Sthela Táboas 20/10/2022

Unha industria baseada na crueldade animal e sen ningún tipo de control conforman un cóctel explosivo con fondas consecuencias para o entorno e para a saúde pública

O brote detectado nunha granxa de visións en Carral afecta a un pequeno número de individuos pero a Administración opta pola vía fácil: sacrificar a todos os animais. Aínda que de un punto de vista técnico e financeiro se poida entender a decisión, o certo é que implica matar milleiros de animais sans pola simle eventualidade de que estean doentes.

A última versión do anteproxecto da Lei de protección, dereitos e benestar dos animais xa non inclúe un punto fundamental que constaba en versións anteriores: a prohibición da cría de especies exóticas, como o visón americano, polo que episodios tan repetitivos como este seguirán sucedendo.

A industria peleteira do visión localiza na Galiza, por cuestións climáticas, o 80% do total das granxas existentes no Estado. Unha industria que é un exemplo de crueldade innecesaria e que ten como única finalidade arrincar a pel a uns animais para a confección de obxectos superfluos e elitistas. Antes de ser sacrificados, os visóns están sometidos a condicións aberrantes en gaiolas que lles impede desenvolver o seu comportamento habitual e que favorecen o contaxio de doenzas.

O visón americano, un problema ambiental

A introdución accidental ou deliberada de especies alóctonas comporta grandes impactos para a fauna autóctona e o funcionamento dos ecosistemas. O Visón americano (Mustela vison) é unha especia alóctona, depredadora xeralista e oportunista, cunha grande capacidade de colonización.

Unha vez asentados no territorio, depredan sobre un amplo abano de especies, moitas delas en perigo de extinción, como pode ser o rato de amizcre ou desmán (Galemys pyrenaicus), en perigo de extinción segundo a UICN e desprazando a outras especies de mustélidos autóctonos coas que compiten como a lontra (Lutra lutra).

A propagación do visón americano vén dada tamén polas fugas de exemplares das granxas, froito da inexistencia de mínimas medidas de seguridade. Unha instalación deste tipo é un “perigo biolóxico” e adoptar medidas para minimizar este risco cun control estrito por parte das administracións preséntase como imprescindíbel.

Só adoptando unha liña de actuación que prohiba a existencia destas fábricas de tortura, xunto cunha xestión ambientalmente axeitada dos exemplares vivos en catividade e exercendo opcións de consumo responsábel poderemos erradicar dunha vez este problema.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad