O segundo orzamento desde o cambio do modelo á xestión directa, presenta unhas contas equilibradas que dan continuidade ás deste ano cun incremento do 0,45%
O Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% coa Xunta de Galicia, disporá en 2023 dun orzamento de 3,9 millóns de euros para a prestación do servizo (3.913.300 €) cun 0,45% de incremento respecto ao ano 2022, trala aprobación provisional do Pleno extraordinario celebrado o martes no Pazo Provincial e cuxo expediente se incorporará, para ser tramitado co orzamento xeral da Deputación, no pleno do vindeiro día 21 de outubro.
O Pleno, presidido pola presidenta provincial, Carmela Silva, e coa asistencia do Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, deu luz verde ás contas do vindeiro ano, as segundas desde o cambio de modelo co pase do servizo provincial á xestión cen por cen pública. Trátase dun orzamento equilibrado, que dá continuidade ao do pasado ano e cunha variación á alza, nos ingresos, produto do incremento da recadación pola contribución especial de UNESPA.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que o orzamento “contempla todo o que é necesario para o bo funcionamento do Consorcio” e destacou a “boa relación” e “colaboración exemplar” entre Xunta e Deputación de Pontevedra, “sempre aprobamos todo por unanimidade e tomamos decisións, algunhas complexas como pasar da xestión indirecta á directa, de mutuo acordo. Á xente satisfaille escoitar que podemos estar de acordo, que compartimos ao 50% un consorcio e que as cousas funcionan ben”. Subliñou tamén que “estamos a piques de que remate todo o procedemento para tomar decisións de cara ao futuro” e enxalzou “a relación sindical que nos permite que tamén as traballadoras/es formen parte do proceso”.
As palabras da presidenta foron ratificadas polo Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, quen destacou “que todo se fai por consenso, sempre a partes iguais as dúas administracións” e cualificou de “fundamental garantir este servizo público en toda a provincia, tanto en momentos ordinarios como nos extraordinarios, como foi neste verán cos incendios forestais onde o Consorcio funcionou moi ben. Isto tense que ver reflexado nos acordos entre Xunta e Deputación e hoxe aprobamos un orzamento de case catro millóns de euros sen ningún tipo de obxección”. Villanueva amosou a vontade de “seguir traballando así, xuntos para dar este servizo ao conxunto da provincia sen ningún tipo de problema”.
No orzamento de 2023 as achegas da Deputación e Xunta de Galicia serán de 963.500€ cada unha das administracións, sendo o Capítulo 1 o principal gasto do Consorcio, o 79%. No capítulo de investimentos, a solvencia económica do Consorcio permitirá enfrontar sen maiores dificultades calquera contratación do servizo de mantemento e xestión xa que, segundo o avance da liquidación de 2022, ten actualmente un remanente de tesourería para gastos xerais de 4.744.139 €, equivalente a 1,21 veces o orzamento que se aproba para o ano 2023. Con cargo a este remanente poderán realizarse as modificacións e suplementos de crédito para financiar os investimentos que resulten necesarios ao longo do exercicio