O prazo pecha o vindeiro sábado 15 de outubro e está dirixido a lectores adultos que se reunirán quincenalmente
O martes ás 17.30 h dentro da programación do Día da Biblioteca o espectáculo teatral cun obradoiro en papel ‘Os Nortis e os libros sen título’
A Biblioteca Pública Municipal de Tui ten aberto, ata o vindeiro sábado, 15 de outubro, o prazo para a inscrición das persoas interesadas no Club de Lectura de adultos.
Un club de lectura é un grupo de persoas que se reúnen periodicamente para comentar un mesmo libro. Cada un le de xeito individual na súa casa e despois, nas reunións do Club, comparten opinións e debaten os distintos aspectos do texto: as personaxes, o seu significado, o estilo literario, etc. Os libros son aportados pola Biblioteca Municipal de Tui. O persoal da Biblioteca actuará como coordinador e moderador do club.
Non é necesario sen un gran lector ou lectora, simplemente ter ganas de ler e animarse a participar nas reunións do club que se establecen cunha periodicidade quincenal.
As persoas interesadas poden inscribirse en liña no formulario dispoñible na web da biblioteca municipal tudense ou enviando un correo a biblioteca@tui.gal ou persoalmente na propia biblioteca.
A concelleira tudense de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que “esta convocatoria enmárcase dentro das actividades de promoción da lectura que desenvolve a Biblioteca Municipal tudense, para facilitar o acceso á lectura da cidadanía e dinamizar este centro bibliotecario”.
Por outra banda, o vindeiro martes 11 de outubro ás 17.30 h, continúan as actividades programadas pola Biblioteca Pública Municipal de Tui arredor da celebración do “Día da Biblioteca”, que terán lugar ao longo de todo o mes co lema de “BiblioTeCoida”.
Nesta nova cita dirixida aos máis pequenos contarase coa presenza de “Juste Kamishibai, papel e teatro” que achega a Tui o seu espectáculo “Os Nortis e os libros sen título”. Esta actividade combina unha dimensión teatral cun obradoiro en papel para todos os participantes.
Os Nortis son uns personaxes que habitan na dimensión da creatividade e a través dos libros axudan aos nenos e nenas a espertar a súa imaxinación. Con esta premisa comeza unha viaxe entre libros de cartón dos que xorden despregabres pop-up, mecanismos móbiles e xogos de contraluz con imaxes. Unha aventura visual e de lendas para toda a familia.
Sonsoles Vicente anima ás familias a participar nestas actividades, que teñen como obxectivo á promoción da lectura e da oferta cultural e informativa que realiza á biblioteca municipal tudense.