O Concello do Porriño arrendou dúas parcelas que está a acondicionar como aparcadoiro de máis de 9.000 m2 nunha zona estratéxica
O Concello do Porriño formalizou o arrendamento de dúas parcelas que suman unha superficie total de máis de 9.000 m2, nas que se habilitará unha nova zona de aparcamento gratuíto no centro urbano.
Trátase de dous solares ubicados fronte ao instituto Pino Manso, un de 6.500 m2 que linda co acceso á Risca e a rúa Antonio Palacios e pola mesma rúa lindando co colexio Hermanos Quiroga, outro de 2.650 m2.
A estratéxica localización do mesmo dará servizo a numerosos usuarios pola proximidade de catro centros de ensino –Colexio Hermanos Quiroga, IES Pino Manso, CEIP Xosé Fernández López e Galiña Azul-, o Polideportivo Municipal ou o Centro de Saúde; resolvendo á súa vez as paradas dos vehículos nas beirarúas, que ao longo dos anos se levan feito ás horas de entrada e saída do alumnado ou dos usuarios das instalacións deportivas.
Este aparcamento municipal gratuíto súmase a outros dous habilitados na rúa Leandro Diz e o do Roxy.