O CEIP de Caldelas estrea comedor escolar.
Onte inaugurouse no CEIP de Caldelas un novo servizo de comedor escolar co que conta o centro neste curso 2022/23. Deste xeito, o Concello de Tui continúa a súa aposta por dotar destes servizos aos seus centros escolares, investindo 25 mil euros nas obras para acondicionar o espazo que acolle o comedor, e facilitando deste xeito vías de conciliación aos pais e nais.
En concreto en Caldelas, máis de 20 nenos e nenas beneficiaranse deste novo servizo de comedor escolar que xa o luns abría as súas portas para ofrecer xantares variados e nutritivos ao alumnado inscrito.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os comedores escolares eran “unha das prioridades en materia de equipamento educativo ante á, cada vez, maior demanda”. Este novo espazo de comedor en Caldelas, destacaba o rexedor, súmase ao inaugurado en Randufe, e reforzará un servizo que antes só era demandado en zonas urbanas pero que “agora é moi necesario facer extensible tamén no rural”.
Neste senso, a concelleira de Educación, Sonsoles Vicente, salientou a ledicia por ver inaugurado este servizo. Indicaba coma a boa acollida do mesmo reflicte o necesario que era para a comunidade educativa, alumnado e familias. Tamén quixo reforzar o compromiso que o Concello de Tui adquiriu cos centros públicos e afirmou que “traballará para que todos os colexios poidan dispoñer de comedor”, sendo o de Guillarei o seguinte centro que porá o seu en marcha.
O comedor de Caldelas súmase ao recentemente inaugurado en Randufe para, deste xeito, dotar con este equipamento á práctica totalidade dos centro educativos tudense espallados polo municipio.