Sabela Landín 28/09/2022

Rexistráronse desperfectos nos parques infantís do Souto en Guillarei, e dos Xardíns de Troncoso, e na veiga do Louro. Estes actos danan a imaxe do municipio, os servizos para a cidadanía e supoñen un importante gasto de reparación.

O Concello de Tui quere facer un chamamento á responsabilidade cidadá e ao civismo tras os actos vandálicos que se están a rexistrar en distintos puntos do municipio, e que provocaron danos no mobiliario urbano.

O último deles tivo lugar onte, 27 de setembro, no parque infantil do Souto en Guillarei. A Policía Local acudiu a este lugar ante a alerta dun presunto furto, con elementos illantes da goma protectora do chan arrincados e que non foron atopados. Asemade, a pasada fin de semana deuse aviso de máis desperfectos nunha das pérgolas na Veiga do Louro, onde foron arrincadas as plantas ornamentais. Así o recolle no seu informe a Policía Local, deixando constancia que estaban “totalmente arrincadas e con terra espallada pola calzada”.

Pero estes non foron os únicos rexistrados xa que no mes de agosto tamén se rexistraron danos no mobiliario urbano no parque infantil dos Xardíns Troncoso e na Veiga do Louro. A Policía Local personouse tamén nas localizacións e deu parte das incidencias.

No parque infantil dos Xardíns Troncoso os danos foron identificados cara ao mediodía do pasado 4 de agosto. Os axentes municipais atopáronse desperfectos no céspede artificial arrincado, o illante protector do solo arrincado e restos do teito dunha vivenda abandonada espallados polo espazo de xogos. O 25 de agosto os danos tiveron lugar na Veiga do Louro, onde se atoparon danos nunha das pérgolas da zona, con ladrillos soltos e rotos no chan amais de enredadeiras que serven de decorado rotas e arrincadas.

Ante estes actos vandálicos que se veñen sucedendo, o Concello de Tui insiste na mensaxe de respecto e coidado polos espazos públicos, que son para uso e desfrute da veciñanza e supoñen un gasto de reparación que prexudica a toda a cidadanía.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad