Doutouse de conectividade gratuíta á praza do Concello, Porta da Pía, Bispo Castañón, Calvo Sotelo e Paseo da Corredoira.
O concello de Tui ven de implantar unha rede WiFi municipal no marco do programa europeo WiFi4EU. Grazas a esta iniciativa contan con cobertura wifi gratuíta a praza do Concello, as rúas Porta da Pía, Bispo Castañón, Calvo Sotelo e o Paseo da Corredoira.
O programa WiFi4EU promove o acceso libre dos cidadáns á conectividade de banda ampla en espazos públicos coma parques, prazas, edificios oficiais, bibliotecas, centros de saúde ou museos de municipios de toda Europa. A actuación realizada en Tui supuxo o despregue de 10 puntos de acceso WiFi exterior que a través da rede de nome “WiFi4EU”, permite ofrecer tanto a cidadáns e visitantes un servizo de acceso a Internet de calidade. Así calquera usuario ubicado na área de cobertura da rede “WiFi4EU” poderá acceder de xeito seguro e gratuíto as 24 horas do día á conexión. A primeira vez que a persoa se conecte á rede será redirixida a unha páxina segura de inicio de sesión (portal cativo).
O investimento realizado ascende a 15 mil euros que foron financiados pola Unión Europea.
Este novo servizo de wifi municipal gratuíta pretende complementar outros proxectos ligados á posta en valor do patrimonio cultural tudense, como son as actuacións de sinalización mediante códigos QR ou roteiros autoguiados, facilitando o acceso a Internet en mobilidade e promovendo a visibilidade do concello animando aos usuarios para compartir a súa experiencia en redes sociais a través dos seus dispositivos móbiles.
Con esta iniciativa o concello de Tui súmase a unha ampla rede de municipios europeos que xa ofrecen este servizo, promovendo o uso de novas plataformas e servizos dixitais innovadores, facilitando a comunicación gratuíta tanto a residentes como visitantes.