Esta obra estratéxica, que permitiría crear unha nova avenida, suporá un investimento de 15 millóns de euros
O proxecto presentado polo Concello de Tui para cubrir un tramo da vía férrea no centro urbano é viable tecnicamente. Así llo vén de confirmar o ADIF ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. O rexedor tudense sinala que se trata dunha “obra estratéxica para Tui” xa que “nos permitiría desdobrar unha zona de tráfico bastante intensa coma é o primeiro tramo da rúa Colón”. O investimento estimado é de 15 millóns de euros.
O Concello de Tui presentara o ano pasado ante o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias, ADIF, a memoria técnica para cubrir a vía férrea entre os taludes da rúa Colón e do barrio de Ricamonde, coa construción dun túnel de 500 metros. Precisamente para abordar este proxecto o alcalde, Enrique Cabaleiro, mantivera varias reunións cos representantes de ADIF. Agora vén de recibir a confirmación da viabilidade técnica da proposta presentada, que non afectará ao tráfico ferroviario e será compatible amais coas obras proxectadas para renovar a vía entre Guillarei e Tui.
Enrique Cabaleiro explica que unha vez iniciado o expediente o seguinte paso será establecer a aportación de cada entidade para a redacción do proxecto, cuantificado en 900 mil euros, e para a execución da obra que se prevé acade os 12 millóns de euros máis IVE de investimento. Así o rexedor tudense sinala que “temos que traballar para ver que parte de aportación municipal se destina a ese proxecto” avanzando que “trataremos de buscar, dentro da medida do posible, financiamento externo, porque a aportación municipal estaría entre o 16 e o 32% e estamos obrigados a buscar financiamento alleo para poder asumir esa porcentaxe”.
Por último alcalde de Tui sinala que “esta é unha obra para o presente e o futuro de Tui” engadindo que “é unha obra estratéxica e aí si que teremos que facer o esforzo financeiro que sexa necesario para poder sacala adiante”.
A actuación proposta polo concello sitúase entre o pk 3+110 e pk 3+610 coa construción dun túnel de 500 metros entre os taludes da rúa Colón e do barrio de Ricamonde. A superficie superior será urbanizada para crear unha nova avenida de dobre sentido separada por un seto central con aparcamento a ambos lados, paseo, carril bici e amplas zonas verdes.
O novo vial contaría con tres rotondas unha na rúa Colón, outra na rúa Pilar que dará acceso á praza de Abastos, e unha terceira que daría acceso á estación de autobuses e melloraría o acceso ao barrio de Ricamonde.