Un total de 40 participantes de toda España aloxaranse na Residencia de Tempo Libre de Panxón da Consellería de Política Social e competirán no II Campionato Galego, Campionato de España e Copa Nigrán ao longo da fin de semana
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participaron na mañá de hoxe da presentación do presentación do II Campionato Galego, Campionato de España e Copa Nigrán de Surf Adaptado que terá lugar esta fin de semana na praia de Patos e no que participarán uns 40 surfistas de toda España que se aloxarán na Residencia de Tempo Libre de Panxón da Consellería de Política Social.
O responsable da carteira de Deportes destacou o carácter pioneiro do Campionato de España de surf adaptado e a aposta decidida de Galicia polo benestar das persoas con discapacidade xa que en 2021 xa se celebrou na praia de Patos a primeira edición do campionato. Neste sentido, lembrou os nomes dos gañadores entre os que destacou ao galego, Carlos Dopico, en Visual 2, e Sarah Almagro, en tombada con axuda. De todos eles destacou o seu grande esforzo e a súa capacidade de superación.
Lete Lasa destacou algunhas das medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia no apoio ás persoas con discapacidade e enumerou puntos nos que a Consellería de Política Social e Xuventude o Deporte galego atopan tanxencias. Respecto ao traballo realizado pola Secretaría Xeral en prol do deporte adaptado lembrou que dende 2004 as contías das bolsas paralímpicas e olímpicas se atopan igualadas e que hoxe existen 18 deportistas con discapacidade recoñecidos como galegos de alto nivel (DGAN) sendo o número máis alto da serie histórica. Grazas a medidas coma estas, dixo o secretario xeral, Galicia acadou o número máis alto de paralímpicos nuns Xogos en Toquio, con 16, dos que o 87,5% conseguiron rematar a súa competición entre os oito mellores do mundo.
O mandatario galego tamén destacou a importancia do Núcleo de Adestramento Especializado (NADE) da Federación Galega de Surf recoñecido pola Xunta, en marcha dende o pasado mes de marzo e manifestou o seu desexo de que pronto, este centro de tecnificación poida ter a súa sede permanente na Residencia de Tempo Libre de Panxón.
Pola súa banda o director xeral de Persoas con Discapacidade puxo en valor a importancia do deporte adaptado como ferramenta de inclusión das persoas con discapacidade na sociedade e tamén como impulsor da autonomía e da mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Así mesmo, Fernando González Abeijón destacou o compromiso da Consellería de Política Social e Xuventude que este ano destina 142 millóns de euros máis fondos que nunca antes a este ámbito, e un 12% máis que no 2021.