Sthela Táboas 20/09/2022

As persoas participantes no Congreso Internacional de formación para o traballo Norte de Portugal Galicia coñecerán o patrimonio cultural que atesoura Tui

Este xoves pola tarde as persoas participantes no 22º Congreso Internacional de Formación para o traballo Norte de Portugal – Galicia realizarán unha visita cultural á cidade de Tui na que percorreran a Catedral de Tui, xunto a un paseo polo conxunto histórico tudense. O Congreso celébrase este xoves 22 e venres na Escola Superior de Ciencias Empresariais -IPVC de Valença.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece tanto a celebración deste congreso no ámbito da Eurocidade Tui – Valença comas as achegas que neste tema do emprego e formación poidan presentar dende estas xornadas de traballo. Tamén amosa o seu agradecemento á organización do Congreso por programar esta visita cultural á nosa cidade, que posibilita un achegamento dos e das asistentes ao rico patrimonio cultural que atesoura Tui.

Os Congresos Internacionais de Formación para o Traballo contan xa con dúas décadas de existencia e resultaron do traballo conxunto entre os servizos públicos de emprego e formación do Norte de Portugal e Galicia (IEFP e Xunta de Galicia) e Universidades (Porto e de Santiago de Compostela).

O 22º Congreso Internacional de Formación para o Traballo-Norte de Portugal/Galiza  titulado “(Des)continuidade no tempo, nos modos, no traballo, na formación, na orientación” céntrase precisamente na (re)lectura deste momento de (des)continuidades: como nos (re)situamos fronte ás novas faces do traballo, da formación e da orientación tras a pandemia da Covid e os procesos socio-económicos en curso.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad