É necesario consolidar unha educación que combata a exclusión, as malas praxes na contorna educativa ou a ausencia e denegación dos recursos e apoios que precisan as persoas con discapacidade.
Co arranque deste novo curso escolar, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) pedimos que sexa inclusivo, cunha educación que favoreza o desenvolvemento da personalidade, das capacidades e competencias do alumnado con discapacidade e respondendo ás súas necesidades individuais, como así se recolle no artigo 24 da Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade.
Dende COGAMI exiximos que o sistema educativo galego asegure as condicións, actuacións, medidas, dotación de recursos, apoios e reforzos educativos para a educación inclusiva en todas as etapas, incluídas as non obrigatorias. Os centros educativos deben tamén asegurar e promover a accesibilidade universal tanto física, como sensorial, comunicativa e cognitiva.
A día de hoxe, a COGAMI chegan queixas de familias que viven situacións discriminatorias no eido educativo e que, para evitar máis incomodidades aos seus fillos e fillas, optan polo cambio de centro escolar. Dende COGAMI non queremos que se volvan repetir. É necesario consolidar unha educación inclusiva que desenvolva o modelo social cumprindo os dereitos humanos, que combata a exclusión, as malas praxes na contorna educativa ou a ausencia e denegación dos recursos e apoios que as persoas con discapacidade precisan.
Un sistema educativo inclusivo está liderado pola administración educativa e abrangue a todas as estruturas do ensino, garantindo os apoios individualizados para o alumnado con discapacidade en todas as etapas, dende a educación infantil ata a primaria, secundaria, a superior e a formación profesional, sen descoidar as actividades extraescolares e sociais.
As institucións educativas son responsables de asignar os recursos necesarios para desenvolver unha educación inclusiva de calidade, implantando medidas efectivas que dean resposta ao alumnado con discapacidade; dotando de recursos humanos, materiais e tecnolóxicos os centros educativos; apoiando; impulsando actuación de toma de conciencia e sensibilización dirixidas á comunidade educativa; garantindo a participación do alumnado con discapacidade en igualdade de condicións nas actividades, xogos e tempo recreativo e formando ao profesorado e resto de profesionais do sistema educativo no enfoque de dereitos e educación inclusiva.
Non debemos esquecer que a educación é un dereito humano, un medio para facer efectivos outros dereitos, que permite saír da pobreza, obter recursos para participar plenamente na comunidade, protexerse da explotación e lograr sociedades inclusivas. En definitiva, é unha ferramenta que garante a igualdade de oportunidades e non discriminación das persoas con discapacidade.