Sthela Táboas 14/09/2022

A Deputación lamenta un comportamento “con nocturnidade e alevosía”, que denota unha “absoluta deslealdade institucional”, e que pode carrexar a perda da subvención ao colocar durante as Festas do Libramento de Pereiras un valado promocional que só inclúe o escudo e nome do Concello, omitindo á Deputación que achega o 100% do financiamento da obra

A colocación dun cartel propagandístico por parte do Concello de Mos sobre as inminentes obras da senda peonil do Foxo Vello, na parroquia de Pereiras, aproveitando a celebración das festas da parroquia pon en risco a subvención de 406.926,42 € solicitada ao abeiro da convocatoria do Plan Concellos 2022-23. O cartel omite que as obras están financiadas ao 100% pola Deputación. A alcaldesa, Nidia Arévalo, vén de recibir unha carta asinada pola xefa do servizo provincial de Cooperación, e instrutora do expediente administrativo da subvención, cun recordatorio da obriga do Concello de cumprir as bases, así como das posibles consecuencias do contrario.

A presencia do valado promocional, de grandes dimensións, está acreditada, cando menos, entre o 9 e o 12 deste mes no torreiro das festas da parroquia de Pereiras coincidindo coas festas do Libramento. Baixo un gran escudo e o nome do Concello de Mos aparece unha infografía sobre o aspecto final da obra. O texto reflicte: “Próxima actuación. Senda do Foxo Vello en Pereiras. Importe total proxecto: 406.926,42 €”, cantidade coincidente coa subvención solicitada á Deputación. A obra, cuxa licitación, corresponde ao Concello  está a piques de seren adxudicada. A achega provincial repártese entre 154.603,67 € na anualidade de 2022 e os restantes 252.322,75 € na de 2023. A pesar de achegar o 100% do importe, non hai mención algunha á Deputación.

O deputado de Cooperación Santos Héctor lamenta un comportamento que só pode cualificarse como “unha absoluta deslealdade institucional” e lamenta, ademais, que o valado fose montado “con nocturnidade e alevosía. Está claro que houbo mala fe porque é un cartel encargado e instalado para que o vise a xente da parroquia e do resto do municipio que foi  ao Libramento, dado que está colocado nun lugar protagonista en pleno recinto festivo”.

A base  18ª do Plan Concellos 2022-23 obriga aos concellos beneficiarios a dar a adecuada publicidade ao financiamento por parte da Deputación das actuacións subvencionadas. No punto b) concreta aobriga de “facer constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas ou páxina web, entre outras) o apoio que dá a Deputación. Isto farase mediante a inclusión do seu logotipo nun lugar visible”. Ademais, a base 21, no seu punto primeiro “faculta á Deputación a comprobar “en calquera momento” que se fixo a publicidade da subvención concedida nos termos previstos nas bases e, de non ser así, non procederá ao libramento”.

“Tendo constancia de que se colocou un cartel sen a debida publicidade do financiamento da Deputación é a miña obriga advertirlle para que inicien as medidas necesarias para a subsanación desta omisión da colaboración da Deputación de Pontevedra, de forma que procuren que en todas as accións de comunicación que se realicen se faga constar expresamente a subvención concedida pola Deputación”, apunta a xefa do servizo de Cooperación na carta á alcaldesa.

Santos Héctor lamenta que se produzan este tipo de comportamentos “cunha Administración provincial tan municipalista, aberta e transparente como é esta Deputación, que achega importantísimos recursos a tódolos concellos da provincia, sempre en base a criterios regrados e sen ningún tipo de discrecionalidade política”.A este respecto destacou que Mos ten recibido máis de 11,2 millóns de euros dende 2016 ata a actualidade dos que case 7,5 millóns corresponden ás achegas dos sucesivos Plan Concellos cos que se financiou máis dunha trintena de obras.De feito con cargo á convocatoria bianual 2022-23 están solicitadas, ademais da senda do Foxo Vello en Pereiras, a nova beirarrúa dende o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno (657.456 €), a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada Mos-Puxeiros (133.963 €) e a mellora da seguridade na estrada da Vía (parroquias de Tameiga, Dornelas e Torroso), con outros 354.929 €.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad