Sthela Táboas 16/06/2022

Leticia Gallego sinala que a sentenza “deixa en evidencia a chapuza administrativa do Goberno local de Mos” cando, ano e medio despois da súa inauguración, “o complexo segue sendo ilegal”

A deputada socialista Leticia Gallego visitou este xoves Mos, xunto á voceira socialista no Concello, Victoria Alonso, para urxir ao novo presidente da Xunta unha valoración, tras o faio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Na sentenza reafírmase a ilegalidade das licenzas concedidas polo Concello de Mos, ao proxecto para a construción da nova Cidade Deportiva do Real Club Celta.

“A Xunta e o seu novo presidente teñen que clarexar se seguen apoiando, tal e como xa fixo o seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, as obras ilegais destas instalacións deportivas no Concello de Mos, despois de que o TSXG desestimase o recurso de apelación interposto pola Administración local”, sinalou a socialista.

Ás portas da nova cidade deportiva do clube vigués, Gallego denunciou que “malia que as instalacións foron construídas en terreo rústico da parroquia mosense de Pereiras, o Concello de Mos permitiu a construción dunha edificación de case 3.000 m2  cando, pola súa clasificación de solo rústico de especial protección, só se podían construír uns pequenos vestiarios e un almacén”.

O ano pasado, lembrou “a Xustiza anulou a licenza directa de obras que o Goberno local concedeu en 2019 e, en consecuencia, obrigaba ao Concello de Mos a revisar a legalidade, ao considerar que a devandita autorización debería ter sido concedida ao abeiro dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, como defendía a Comunidade de Montes de Tameiga, e que non se fixo”. A súa vez, o faio anulaba unha licenza posterior para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares.

A sentenza, apuntou a socialista “deixa en evidencia a chapuza administrativa do goberno local de Mo”, xa que incide en que as obras realizadas non corresponden a meras instalacións deportivas ao aire libre, senón que son equipamentos deportivos privados e de maior entidade, polo que a súa construción non se pode facer cunha simple licenza municipal directa”. Agora, ano e medio despois da súa inauguración, concluíu, “o complexo segue sendo ilegal”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad