Sthela Táboas 15/06/2022

Un dos dez autores, Xesús Fraga, vén de recibir recentemente o Premio Nacional de Literatura, o premio literario máis importante de España

Onte á tarde presentouse no Pazo de Mos o “Libro da Rosa”, acto no que estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro; a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e 4 dos 10 autores do libro -Agustín Agra, Diego Giráldez, María XoséPorteiro, e Miriam Couceiro-.

O gran proxecto editorial xa se pode atopar en librerías co emblema heráldico de Mos como protagonista no “O libro da rosa”.

Galaxia comezou a traballar no volumen fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saiu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.

Un dos 10 autores, Xesús Fraga, vén de recibir recentemente o Premio Nacional de Literatura, o premio literario máis importante de España. Os 10 autores galeg@s contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma que asinan “O libro da rosa” son: Agustín Agra, Vicente Araguas, María Canosa, Francisco Castro (o propio director de Galaxia), Raquel Castro, Miriam Couceiro Castro, Xesús Fraga, o porriñés Diego Giráldez, María Xosé Porteiro e Pura Salceda.

Desde Galaxia definen así esta pequeña xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario; e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias. Con esa premisa, pedímoslles a dez autor@s de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”.

O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial; e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse hoxe “agradecidas a Galaxia e ao seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademáis o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad