Sthela Táboas 14/06/2022

Estes xoves e venres estes estudantes de primaria realizarán obradoiros sociabilizando entre os distintos centros educativos de Tui

Este xoves 16 e venres 17 de xuño, máis de 120 alumnos e alumnas de 6º de Primaria e unha trintena de mestres de seis centros educativos de Tui van participar na Aloiada 2022, un proxecto de actividades na natureza que tras dous anos de ausencia debido á pandemia volve celebrarse esta semana.

A presentación desta actividade tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino; Rafael Estévez, concelleiro de Deportes; Nerea Castro e Coral Vázquez, directora e profesora de Educación Física do CEIP de Rebordáns; Silvia Rodríguez, directora do CEIP de Caldelas; Isabel Viesca, profesora da Educación Física do CEIP de Pazos de Reis; Xosé Canedo, profesor de Educación Física no CEIP nº2: e Fernando Domínguez, profesor de Educación Física no CEIP de Guillarei.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou aos centros participantes por esta iniciativa e polo seu compromiso do medio natural, destacando que “é moi importante concienciar ao alumnado no respecto e coidado do medio ambiente”. Afirmaba Enrique Cabaleiro que “temos o inmenso privilexio de vivir nun espazo único” referíndose ao Monte Aloia, o primeiro Parque Natural de Galicia, ao río Miño,… e tamén indicaba a importancia de “pór en valor o traballo das asociacións e clubs que traballan nestes ámbitos”.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, amosou a súa satisfacción por despois de dous anos volver a unirse toda a comunidade educativa e as concellerías de Depores e Ensino para celebrar a Aloiada dous días de “unión e de crear sinerxías entre o alumnado e o profesorado”. Ao tempo felicitou ao profesorado polo “arduo traballo realizado”.  No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, que agradeceu “seguir apostando pola Aloiada 2022, porque sei que os nenos e nenas o están agardando con moitas ganas, un evento que disfrutan de todo do parque natural e de todo o entorno de Tui”.

Fernando Domínguez, profesor de Educación Física do CEIP de Guillarei, explicaba que entre as novidades deste ano está por unha banda en que non quedarán a durmir, polos actuais protocolos, e incorporan un taller de Slack Line co grupo Scouts Alhoia. O xoves, no Galiñeiro, o alumnado realizará obradoiros de escalada, rappel, primeiros auxilios, nós, orientación e unha andaina no Galiñeiro. O venres contarán cunha xornada de sendeirismo con rutas polo Parque Natural do Monte Aloia, percorrendo a senda dos muíños do Tripes, para xantar no Penedo; pola tarde practicarán piragüismo. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad