Sthela Táboas 17/03/2022

A asemblea de traballadores acordou este sábado convocar catro xornadas de paro, os días 29 e 30 de marzo e 1 e 4 de abril, pola readmisión dos despedidos en Ambulancias do Atlántico

A asemblea de traballadores de Ambulancias do Atlántico na área sanitaria de Vigo acordaron este sábado convocar folga no servizo programado e no 061, como resposta á negativa da empresa a readmitir a catro compañeiros despedidos sen xustificación.

Deste xeito, o servizo de transporte sanitario urxente e programado da área sanitaria viguesa, que xestiona a empresa Ambulancias do Atlántico, verase afectado pola convocatoria de catro xornadas de paro os vindeiros días 29 e 30 de marzo, e 1 e 4 de abril.

A decisión do cadro de persoal da concesionaria deste servizo público adoptouse tras unha nova protesta diante das instalacións da empresa en Mos o pasado venres, que foi apoiada por traballadores de ambulancias doutras áreas sanitarias como Pontevedra ou Santiago.

A presión sindical -con numerosas mobilizacións e o anuncio de folga indefinida a partir do 28 de marzo, que presumiblemente será suspendida- fixo que Ambulancias do Atlántico abandoase o servizo do 061 na área sanitaria de Santiago e logrou que, a actual UTE que xestiona o servizo, asumise a reincorporación do traballador que fora despedido inxustamente nesta zona.

No caso de Vigo a empresa négase a readmitir a catro empregados aos que tamén se lles rescindiu o contrato sen xustificación, a pesar de que a compañía non conta con persoal suficiente para cubrir baixas e descansos, por iso o seus compañeir@s optaron por convocar catro xornadas de folga para esixir a súa inmediata reincorporación.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad