A mostra contará cunha exposición de máis de 100 m e máis de 60 postos nos que se poderán atopar productos de rivados da Camelia como marmelada, té, aceite ou madeira
O Concello de Salceda presentaba onte as XIII Xornadas da Camelia, que se celebrarán os vindeiros 19 e 20 de marzo e na que participarán máis de 60 expositores chegados de toda a xeografía galega e do norte de Portugal, que amosarán centos de variedades desta flor ornamental de orixe oriental, que se estenderán ao longo de máis de 100 m de exposición no Auditorio Municipal.
A concelleira de Turismo, Lucia Pereira, como encargada da xestión da mostra agradeceu especialmente o traballo de Antonio Rivero e da Asociación de Xubilad@s e Pensionistas de Salceda, pois sen a súa axuda sería imposible levar a cabo a mostra.
Ademais das diferentes variedades de flor que se poderán ver en Salceda, poderanse coñecer tamén outros produtos derivados da camelia, tales como marmelada, té, madeira ou aceite, que estarán presentes grazas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que realiza unha labor fundamental no estudo e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor e que cada ano ven participando na mostra de Salceda.
Lucía Pereira anima a visitar durante a fin de semana Salceda a todas as persoas que queiran gozar da Camelia nun dos eventos máis importantes do ano e que, nas últimas edicións, contou con máis de 2.000 persoas visitantes. Así, a Mostra conta con diversos actos de programación cultural complementaria, como a actuación de Xulio Lorenzo o sábado ás 16:30 h no acto de inauguración, que contará coa presenza dos expositores ademais dos organizadores e colaboradores.
A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, salientou a importancia de “retomar actividades socioculturais tan importantes e tradicionais para Salceda como as Xornadas da Camelia, despois de dous anos de pandemia, que contribúen activamente á promoción e difusión da camelia como un símbolo representativo da natureza do noso concello, da nosa provincia e de Galicia en xeral”.