A iniciativa de ‘Ocio en Familia’ será o vindeiro domingo no Centro Dotacional de Torroso con entrada de balde
A concellería de Participación Cidadá organiza, dentro do programa municipal ‘Ocio en Familia’, a actividade que se realizará o domingo 20 de marzo en conmemoración do Día Internacional da Síndrome de Down que terá lugar ao día seguinte.
Trátase da proxección da película ‘Valentina’ no Centro Dotacional de Torroso, ás 17.00 h e ás 18.30 h en segundo pase, con entrada de balde para os asistentes, que xa se póoden recoller de 16.30 a 20.00 h no propio Centro.
Esta película musical, orientada a un público familiar e centrada nas idades de 3 a 7 anos, defende a diversidade e aposta pola inclusión de persoas con diversidade funcional na nosa sociedade.
Con motivo da celebración do Día Internacional da Síndrome de Down, o día 21 de marzo, propúxose a proxección desta película de animación de produción galega e en galego, estreada a finais do 2021, e que vén de recibir o premio Goya á Mellor Longametraxe de Animación.
‘Valentina’, dirixida por Chelo Loureiro, está protagonizada por unha nena con síndrome de Down que pensa que nunca poderá conseguir o seu sono de ser trapecista, pero ao longo dunha viaxe máxica descubrirá todo aquilo do que é capaz e aprenderá que nunca se debe perder a ilusión nin as gañas de aprender.