Os gañadores foron premiados onte na exposición dos preto de 200 deseños participantes
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Cultura, Bienvenido Estévez, e Educación, Carolina González, inauguraron onte no Centro Cultural Municipal a exposición que recolle os preto de 200 debuxos dos nen@s participantes no concurso escolar de carteis do Entroido, á vez que anunciaron a programación.
Ao acto acudiron os gañadores do concurso -Valeria Lage (1º), Rubén Rodríguez (2º) e Saray Rodríguez (3º)- e as súas familias, así como representantes de todos os centros escolares. Os representantes municipais fixeron entrega dos agasallos aos premiados.
A programación do Entroido dará comezo o sábado 26, ás 12.00 h, coa lectura do pregón a cargo dos tres primeiros clasificados no concurso do cartel. En colaboración con AHOSPOR, esa mesma mañá na praza de abastos, celebrarase un showcooking. As rúas estará amenizadas por The Turre´s Band, Batucada Percusión Latexo, Charanga Anchoa, Charanga Fanfarria Furruxa e a Charanga Vai de Baile; xunto cos xigantes e cabezudos.
Na tarde do sábado, ás 16.00 h disputarase o 78º Xogo da Ola, amenizado pola Fanfarria Furruxa; e ás 18.00 h o I Desfile Conxunto de Comparsas de Entroido.
O domingo 27 de febreiro, ás 17.00 h festa infantil na praza do concello e inchables na Praza do Cristo, Avda. de Galicia e O Pinar.
O luns 28 terá lugar un obradoiro para nen@s impartido pola Asociación O Porriño Arte, de 10.00 a 13.00 h; e o martes día 1 de marzo, novo desfile de comparsa de Entroido.
O mércores 2, remata o Entroido, co Enterro da Sardiña e o seu tradicional velorio e a lectura do testamento.