Financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, este programa que se desenvolve na provincia de Pontevedra, pretende mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade que se atopan nunha situación vulnerable
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) fai balance de como se desenvolveu Máis Emprego, un programa de inserción laboralque está dirixido a persoas con discapacidade e/ou con incapacidade laboralempadroadas na provincia de Pontevedra e con idades comprendidas entre os 18 e os 62anos.
Co fin de mellorar a situación sociolaboral destas persoas, entraron a formar parte deste programa un total de132 persoas,61mulleres e 71 homes. Todas elas teñen en común, ademais do certificado de discapacidade, correr o risco de estar en situación de exclusión social, por iso se traballa con elas de maneira individual, co deseño de itinerarios personalizados e encamiñados á súa inserción laboral.
Cofinanciado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, Máis Emprego desenvolveu durante este ano un total de 7 cursos formativos con temáticas orientadas ás ocupacións máis demandadas por empresas da zona, como os de limpeza hospitalaria en Pontevedra e A Estrada; de auxiliar de servizos impartidos en Pontevedra e Vigo; de almacén e carretilla realizado en Cangas e de expendedor de combustible impartido en Vilanova de Arousa e en Vigo. Foron 83 as persoas formadas a través destes cursos, logrando a inserción laboral o 61% das persoas formadas.
Segundo a procedencia das persoas participantes no programa, participaron 35 persoas da comarca de Pontevedra, 22 proceden da comarca do Salnés, 11 viven no Deza, 13 na comarca de Caldas e outras 13 na do Morrazo, 33 proceden da comarca de Vigo e 2 son do Baixo Miño.Segundo a franxa de idade, 8 persoas do programa son menores de 30 anos, 26 teñen entre 30 e 39 anos, 40 persoas están entre os 40 e os 49 anos e 58 das persoas participantes con idades comprendidas entre os 50 e 60 anos.
Aparte dos itinerarios individualizados, a formación para a mellora da empregabilidade, a orientación laboral na busca activa de emprego e o apoio e seguimento, Máis Emprego contempla a realización de visitas a empresas para captar ofertas de emprego e tamén, analizar as necesidades de especialización de persoal que teñen, que postos son os que contan con máis demanda. Durante o ano pasado realizáronse máis de 60 visitas ao empresariado.
COGAMI inicia este programa de emprego no ano 2017 co fin de mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade. Nesta traxectoria, este programa atendeu a día de hoxe a un total de 450 persoas, das que 426 se formaron nalgún dos 32 cursos impartidos. De todas estas persoas que pasaron polo programa Máis Emprego durante estes cinco anos, conseguiron inserirse laboralmente un total de 249 persoas, sendo 121mulleres e 128 homes, contando cunha porcentaxe de inserción que supera o 55%.