Esta medida municipal é gratuíta e con ela conseguirase non colapsar os contedores azuis dando así certa preferencia á cidadanía
O Concello de Tui vén de pór en marcha un novo servizo de recollida de papel e cartón porta a porta co obxectivo de contribuír á reciclaxe destes produtos por parte dos establecementos comerciais, hostaleiros, e a industria local.
Con esta iniciativa búscase por unha parte axudar aos e ás comerciantes e hostaleiros na separación e reciclaxe dun material coma o papel e cartón, do que xeran importantes cantidades nos seus negocios. Coa recollida específica para eles búscase non colapsar os contedores azuis deixando o seu uso preferente para a cidadanía.
O Concello de Tui mantivo reunións informativas coas asociacións de comerciantes locais, ACITUI e EMPRETUI, e coa Asociación de Empresarios do Parque Empresarial de Areas, para exporlles os pormenores do servizo e que a súa vez os puideran trasladar aos seus asociados. Amais o pasado 31 de xaneiro convocouse unha reunión informativa telemática, na que participaron a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, e un responsable da empresa que realiza a recollida, no que se deu conta do funcionamento e da posta en marcha deste novo servizo gratuíto.
Dende a semana pasada está xa activa a recollida porta a porta de cartón e papel os martes e xoves. Así no Parque Empresarial de Areas as empresas deben sacar o cartón á rúa os martes e xoves de 16.00 a 18.00 h xa que a recollida se realizará a partir das 18.00 h. Mentres no caso dos establecementos comerciais e de hostalería deberán depositar o cartón e papel apilado xunto ao colector azul máis próximo ao local os martes e xoves de 19.00 a 21.00 h, xa que a recollida terá lugar a partir das 21.00 h.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, explica que con esta iniciativa o Concello de Tui buscan seguir avanzando na recollida selectiva facilitando neste caso ao comercio, á hostalaría e as empresas locais o seu labor de reciclaxe, e por outra parte mellorar tamén a imaxe da cidade. A edil agarda que “progresivamente se vaia consolidando este novo servizo” para o que solicita “a colaboración do tecido comercial, hostaleiro e empresarial para o bo funcionamento do mesmo e mellorar así a imaxe que estamos dando”.
Aqueles establecementos comerciais ou industriais do municipio interesados en sumarse a este servizo de recollida porta a porta, poden solicitar mais información a través dos correos electrónicos comercio@tui.gal ou medioambiente@tui.gal.