Sthela Táboas 05/02/2022

Nunha visita celebrada onte abordáronse vías de colaboración entre ambas entidades en materia de emprego, formación e dinamización empresarial para este 2022

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e as concelleiras de Urbanismo e Patrimonio Municipal do Solo, Antía Carrera, e de Industria, Emprego e Formación, Rosario Costas, visitaron este venres as instalacións do Centro Tecnolóxico do Granito en Torneiros.

O Coordinador do Consello Directivo da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, José Angel Lorenzo, informou nunha pequeña reunión informativa das actividades que se desenvolven na entidade e das liñas de traballo previstas para este ano 2022; tras a que deu comezo a visita á instalacións do Centro Tecnolóxico, que alberga nas súas dependencias MINERGAL, o Museo de Minerais de Galicia. A súa directora, Nuria Sánchez Delgado, fixo un breve repaso ao contido da colección de minerais e fósiles, explicando ao alcalde o público obxectivo e a loxística das visitas ao museo.

Nos laboratorios de pedra e áridos, informaron dos ensaios máis habituais en pedra natural, así como de outros traballos que se realizan por parte dos servizos técnicos e de consultoría da entidade.

Durante a visita, puideron coñecer as capacidades da entidade, de cuxo Patronato é membro o Concello do Porriño, para favorecer o desenvolvemento do sector do granito.

Alejandro Lorenzo manifestou que “o Centro Tecnolóxico do Granito realiza un traballo relevante para este sector, que é unha das actividades empresariais máis importantes do municipio. Ademais do seu traballo técnico, de innovación e de consultoría, o Centro dispón do museo MINERGAL cuxo indubidable valor didáctico aproveitaremos e poñeremos a disposición dos escolares do Porriño e de expertos en minerais”.

O rexidor amosouse favorable a establecer colaboración entre ambas entidades tamén no eido do emprego, da formación e da dinamización empresarial, “estou seguro que as posibles colaboracións que hoxe abordamos nestes campos serán útiles e beneficiosas para O Porriño”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad