A alcaldesa de Mos lamenta que o seu homólogo vigués “nunca se interesase nin se preocupase deste asunto” e que unha vez máis demostre a “súa obsesión por confrontar co presidente da Xunta de Galicia, que reclamou exactamente o que Abel Caballero pide”
O 26 de marzo de 2015 foi publicado no BOE (Boletín Oficial do Estado) o anuncio da Demarcación de Estradas de Galicia do Ministerio de Fomento polo que se revocaba a aprobación definitiva, que databa de setembro do 2007, da “Variante de trazado da autovía A-55. Tramo: O Porriño-Vigo” no subtramo comprendido entre o enlace de Mos e o enlace de Porriño.
Foi un gran logro froito das xestións da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, coa naquel entón Ministra de Fomento, Ana Pastor. Logro que tódolos mosenses celebraron de corazón porque foron escoitados e evitouse que se volvese a cercenar ó municipio cun novo trazado a ceo aberto, optando pola alternativa en túnel. Neste senso, a rexedora local mosense agradeceu entón e sigue a facelo agora a “enorme colaboración e sensibilidadede Ana Pastor”.
Ademais a publicación no BOE da eliminación do trazado da nova autovía Vigo-O Porriño que afectaba a Mos substituíndoo por un túnel implicou a luz verde ó Concello de Mos para aprobar definitivamente o PXOM, que xa estaba rematado e retrasouse anos por este motivo; quedando aprobado definitivamente en 2017.
“Non podiamos aprobar o PXOM coa nova autovía que pretendía inicialmente Fomento e que sería un novo desastre para o Concello de Mos” defendeu dende sempre Nidia Arévalo, quen tamén xunto con Ana Pastor, foi sempre promotora e propulsora da gratuidade do tramo Puxeiros-Porriño da AP-9 como a solución máis rápida e máis viable para desviar tráfico da A-55.
O 9 de novembro de 2020, sendo Ana Pastor Vicepresidenta Segunda do Congreso dos Deputados, xunto cos deputados nacionais do Partido Popular, Javier Bas e Diego Gago, visitou Mos para expoñer a enmenda que presentaron aos orzamentos do Estado para liberalizar a peaxe do devandito tramo de 8 Km Puxeiros-Porriño da AP-9. E facíao novamente o 19 de novembro de 2021, xunto cos tamén deputados do PP Diego Gago e Juan Constenla, para presentar de novo as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para este Concello, que ascendedían a 3,5 millóns de euros, ademais de 9 millóns para a gratuidade da peaxe da autopista AP-9 nos movementos entre Vigo-Mos-O Porriño e Tui.
É por todo elo que Arévalo lamenta “que agora o alcalde de Vigo, tras décadas de silencio, de non pronunciarse sobre a A-55, de non saberse a súa opinión nin preocupación, se a había, se erixa en defensor a ultranza da nova autovía, demostrando que o seu único interese é o de confrontar co presidente da Xunta de Galicia, que reclamou exactamente o mesmo que él pide. Mentres Alberto Núñez Feijóo non falou da gratuídade da peaxe como alternativa a curto prazo, o señor Caballero nunca saiu a abandeirar causa ningunha sobre a autovía”.“Señor Caballero, parece mentira que teña que vir Feijóo a recordarlle que a solución para A-55 sigue pendiente”, insiste a rexedora.
“Desde o Concello de Mos, a Xunta de Galicia e o Partido Popular o único que facemos é buscar unha solución rápida para desviar o tráfico da A-55, que é a opción máis sensata mentres non se constrúe a solución definitiva. Así que señor Caballero, non se crispe e deixe de buscar confrontación onde non a hai. Pero sobre todo, déixese de inxerencias, e de querer decidir máis aló do seu concello. O punto viario máis perigoso de Galicia e un dos máis perigosos de España está na A-55 ao seu paso por Tameiga, no concello de Mos, por iso desde aquí preocupámonos de buscarlle solucións a esa terrible problemática, e rogámoslle que as respecte”, advirte a alcaldesa mosense ao seu homólogo vigués.