A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Mos mantiveron unha reunión a pasada semana para analizar as necesidades habitacionais, na que se avanzou que a Xunta colaborará técnicamente co Concello no desenvolvemento dun proxecto residencial no solo urbano das Pozas
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recordou á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que os fondos europeos que xestiona a Xunta prevén un programa para impulsar proxectos para a construción de novas vivendas protexidas no Concello.
Ángeles Vázquez mantivo esta semana unha reunión con Nidia Arévalo, na que coñeceu os proxectos de interese municipal nesta materia, que se centran en desenvolver un novo ámbito residencial na contorna urbana de Pozas, na parroquia de Petelos.
A rexedora sinalou que, a priori, representa un ámbito óptimo para o desenvolvemento do proxecto, xa que acolle varios centros formativos e edificios deportivos e culturais. Por este motivo, a conselleira comprometeuse a colaborar co Concello na tramitación urbanística necesaria para o desenvolvemento desta actuación, así como na solicitude de axudasao abeiro das convocatorias ás que desexen optar.
Así mesmo, é intención do Concello a apertura dun rexistro municipal de demandantespara estas vivendas, a maiores do rexistro oficial autonómico, para valorar e ter unha estimación máis axustada coa realidade respecto do volume de poboación interesada en solicitalas.
Pola súa banda, sobre o novo programa de axudas, a conselleira explicou que ao longo do actual trimestre se publicará aconvocatoriae estará dirixida concretamente á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, cun orzamento de 16,1 millóns de euros.
As axudas están dirixidas a promotores, empresas e sociedades de carácter público ou público-privado, que poden optar a 50.000 € por cada vivenda construída, co obxectivo de poñer no mercado máis inmobles protexidos en réxime de alugueiro.
Conselleira e alcaldesa coincidiron en que este programa representa unha boa medida para facilitar á mocidade de Mos, concretamente, unha oportunidade para acceder ao seu primeiro fogar ao tempo que se enchen de vida e de dinamismo outras zonas do municipio.