Sthela Táboas 31/01/2022

A edil de EU Son será sustituida por José Manuel Villa, quen foi membro da histórica Esquerda Galega

EU Son celebrou onte unha asamblea onde a concelleira, Blanca Francés, informou á militancia e simpatizantes da decisión de deixar a súa acta como concelleira “por motivos de saúde”. Este paso, comunicado hai xa meses ao resto do Consello, viuse aprazado dada a complicada situación que se vivía no Concello.

Dende a agrupación agradecen “o seu traballo e o seu compromiso nestes dous anos, que amosou aínda máis agardando a que as circunstancias cambiaran e o esforzo que lle supuxo ser parte de recentes e duros procesos. Á marxe xa da parte institucional seguirá sumando, con honestidade e coma sempre, dentro da organización”.

Esta renuncia formalizarase oficialmente para a incorporación do nº 4 da lista “o antes posible para axilizar a toma de posesión do noso compañeiro José Manuel Villa Collazo. A súa incorporación ao grupo municipal trae valentía, seriedade e un firme compromiso co ben común e o interese xeral”, indican dende a agrupación.

José Manuel Villa, é un extraballador dos estaleiros que foi sindicalista e membro da histórica Esquerda Galega, “comprometido e incansable loitador, na actualidade está moi vinculado ao Movemento na Defensa das Pensións; unha organización que, dende O Porriño, tenta recoñecer e dignificar, así como poñer en valor, o traballo e unha vida de sacrificio de tantas e tantas persoas” o definen os seus compañeiros de EU Son.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad