Sabela Landín 26/01/2022
sofia

Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez recolleron os premios de mans de Carmela Silva, que subliñou o seu traballo “inspirador e enriquecedor” nun acto marcado polo recordo á figura de Sofía Novoa

A música da que foi referente e que tanto defendeu Sofía Novoa polo seu valor transversal na educación, envolveu esta tarde a sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo no acto de entrega dos galardóns que levan o seu nome e que premian a integración da perspectiva de xénero nos traballos de Fin de Grao e Fin de Máster da Universidade de Vigo. Na VI edición destes premios as protagonistas foron cinco estudantes, Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez, que recolleron de mans da presidenta Carmela Silva este recoñecemento “a un traballo inspirador e enriquecedor, que nos amosa que é posible e necesaria esa mirada feminina en todas as facetas da vida, pero de xeito especial na investigación académica, para poder seguir a avanzar na nosa loita pola igualdade”. O acto, ao que asistiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e reuniu a unha ampla representación cultural da cidade, foi conducido pola xornalista María Díaz e contou coa actuación ao piano da artista Andrea García que interpretou música composta por mulleres como Im herbste de Fanny Meldelssohn; Bei dir ist es traut de Alma Mahler e If I ain’t got you de Alicia Keys, coa que puxo o broche á entrega de premio.

Carmela Silva subliñou a importancia que para os avances en igualdade ten a presencia da perspectiva de xénero na Universidade. “Fomos silenciadas na historia, seguimos sen estar nos libros de texto coa representación igualitaria que merecemos. Pero se normalizamos a incorporación da nosa mirada á investigación será un avance imprescindible para que nun futuro próximo poidamos ver recoñecidos os nosos dereitos de representatividade na historia, a que escribimos no presente e no futuro”. “O voso traballo, como o de Sofía Nova, é transcendental –engadiu a presidenta- e por iso merece o noso recoñecemento, que para nós é unha obriga como administración envorcada coa igualdade”.

Con estes galardóns a Deputación recoñece e visibiliza a figura histórica de Sofía Novoa (Vigo, 1902 – Madrid, 1987), unha muller silenciada e esquecida nos libros, pedagoga cunha gran cultura, que loitou para que as mulleres ocupasen espazos públicos e moi comprometida no emprego da música como vehículo para o ensino da cultura e do idioma. Ingresou aos 17 anos na “Residencia de Señoritas”, en Madrid, dependente dunha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España. Alí, Novoa Ortiz foi unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo, que posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres, xa que daquela só podían estudar especialidades ou doutorarse en Madrid. A súa formación musical culminou coa carreira de Solfexo, Harmonía e Piano en 1925, no Conservatorio Superior de Música, onde acadou  premio extraordinario. Completouna no curso 1925-1926 en Lisboa, onde estudou Piano, Contrapunto, Inglés, Portugués, Historia e Análise da Música.

Trala semblanza de Sofía Novoa, a presidenta  fixo entrega dos cinco galardóns ás premiadas desta sexta edición, que tamén tiveron a oportunidade de comentar a súa motivación á hora de introducir a perspectiva de xénero e as principais liñas coas que enfocaron os seus traballos.

No que respecta aos Traballos Fin de Grao, con dous premios de 1.000 euros, as galardoadas foron Nuria Ferreiro (Ponte Caldelas) por “Convite ao avecer”, un traballo de investigación e creación que se vertebra a través da vinculación ao territorio, do agarimo á cultura popular e dos vencellos persoais. Nesta obra a autora establece unha relación directa entre a etnografía, a antropoloxía, a arte contemporánea e a etnomedicina, integrando a perspectiva de xénero. Percórrense conceptos como o de menciñeira ou o de albeite desde diversas perspectivas: a sociolóxica, a feminista ou a literaria. Carla Souto (Caldas) foi premiada por “A perspectiva de xénero nas aulas de educación primaria cun enfoque baseado en proxectos”, traballo no que deseña proxectos que fan visibles as contribucións femininas coas que o alumnado reflexiona sobre as interpretacións deformadas de sucesos do pasado ao non empregar a perspectiva de xénero. Amais, promoven a participación igualitaria do alumnado e asunción de roles non estereotipados.

Nos Traballos Fin de Máster (coa dotación de 1.000€) foron galardoadas Marta Caldas (Pontevedra), con “A paridade na representación política da muller nos concellos clasificados como zonas pouco poboadas da provincia de Pontevedra”,  e Tania Souto (Vigo) por “As Sensombreiro: voces silenciadas da Xeración do 27”. No primeiro caso, Marta Caldas analizou a paridade na participación política feminina no eido local tras as eleccións de 2019, cunha investigación que amosa que a presenza das mulleres nas corporacións locais é inferior á dos varóns en 28 dos 31 concellos obxecto de estudo. O traballo de Souto consiste nunha unidade didáctica na que se propoñen actividades para achegar a literatura das mulleres pertencentes á Xeración dos 27. Esta unidade consta de tarefas pensadas para traballar aspectos como a situación da muller nas primeiras décadas do século XX así como para desenvolver diferentes competencias educativas. Nesta mesma categoría Andrea Pérez (Cambados) recibiu un accésit de 600€ polo estudo “Traballar a publicidade nas aulas con perspectiva de xénero”, no que fai fincapé no feito de como a publicidade incide na sociedade e reproduce estereotipos de xénero. O traballo céntrase nas nenas e nos nenos, quen reciben esta publicidade sexista que inflúe de xeito directo no seu proceso de socialización

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad