A presidenta da Deputación destaca o premio do SICTED ao mellor destino nacional, a “Q” de calidade para o castelo de Soutomaior, a adhesión a Spain Film Comission e o traballo de networking. “O turismo só da alegrías á provincia que é o referente en Galicia”
“Love Rías Baixas” acumula 2,3 millóns de impactos nas redes sociais e inicia a campaña de promoción para posicionar o destino. “Imos a todo tren, á velocidade de AVE”.
A Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR), o principal escaparate turístico mundial, foi “un gran éxito para a provincia de Pontevedra, que este ano logrou os mellores resultados”. Así o salientou hoxe a presidenta Carmela Silva. A responsable provincial destacou que os recoñecementos que recibiu o destino Rías Baixas, xunto coa cifra de visitantes rexistrada en 2021, “máis dun millón de persoas ata decembro, o que representa o 32% das persoas que viaxaron a Galicia segundo os datos do INE, e 2,3 millóns de pernoitas, o 38% do total da comunidade autónoma”, demostran que “somos a provincia do turismo en Galicia, somos a Deputación que consigue os mellores datos turísticos, e estes resultados acádanse grazas a esta administración provincial e ao sector privado”. “Imos a todo tren, subliñou, á velocidade de AVE”,
Carmela Silva fixo balance sobre FITUR e lembrou que a provincia recibiu o premio SICTED ao mellor destino nacional, un galardón que “tivo repercusión a nivel estatal porque se fixo eco o propio Ministerio de Turismo”, apuntou. Ademais a Deputación recolleu a “Q” de calidade para o castelo de Soutomaior, e formalizou a súa adhesión á Spain Film Commission. “Tamén asinamos o acordo de promoción con Renfe para ter presenza en estacións e nos trens que saian de calquera lugar de España para achegarse a Galicia, o que nos permitirá centrar varias ofertas e produtos”, lembrou, para resaltar tamén as visitas a stands; a participación no primeiro taller HUB Español Gaia X, centrado na creación do espazo de datos de turismo; e o traballo de “networking” de Turismo Rías Baixas a través de contactos profesionais, encontros da Ruta dos Fenicios e da Red DTI, e prospeccións para accións de ecoturismo e turismo deportivo.
Impacto de “Love Rías Baixas”
A presidenta tamén salientou o impacto de “Love Rías Baixas”, a campaña turística da Deputación presentada en FITUR. “Non podemos estar máis orgullosas e orgullosos, ninguén tivo estes datos”, apuntou, para explicar que desde o 13 de xaneiro a promoción acumula 2,3 millóns de impacto nas redes e 6,3 millóns de impactos potenciais. “Entre as contas máis activas, ademais da Deputación e Turismo Rías Baixas, están Turespaña, Fitur, Ifema, a actriz Jazmín Abuín – condutora da presentación de “Love Rías Baixas”, Emma Lustres, Rodolfo Irago e os principais medios dixitais da provincia e Galicia”, enumerou. O vídeo da promoción supera xa as 10.000 visualizacións. “A nosa campaña é un exitazo. Está moi ben deseñada, emociona, namora e amosa o potencial da provincia e a creatividade de quen desenvolveu a campaña”, engadiu.
Campaña en medios e grandes cidades españolas
Ademais, a presidenta anunciou que a Deputación iniciará de inmediato a promoción da campaña turística nos medios. “Imos promocionar o destino para darlle visibilidade e notoriedade e posicionarnos”. A campaña desenvolverase a través de medios on line e tamén en formatos de contidos de cabeceiras de turismo como Traveler ou Trip Advisor. A Deputación fará fincapé nas revistas de viaxes e tamén nos suplementos de fin de semana de medios xeneralistas e publicacións con audiencia feminina, “que ten unha enorme capacidade de decidir sobre un destino”, indicou a responsable provincial. Por outra banda, a campaña promocionarase en vallas e mobiliario urbano nas inmediacións de infraestruturas de transporte de Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia. Carmela Silva tamén aportou datos sobre o impacto das promocións da Deputación en 2021 e a forte suba da comunidade nas redes sociais da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas. “Alcanzamos máis de 26 millóns de impresións en medios, 7,3 millóns de visualizacións dos vídeos, e incrementamos un 17% as seguidoras e seguidores en redes sociais, chegando a dobrar o número en Instagram”, rematou a presidenta