Sabela Landín 25/01/2022
desenvolvemento

O reto tecnolóxico celebrarase on line ata o 15 de febreiro e poderán participar equipos de ata catro persoas de todo o Estado, que xa poden inscribirse na web de Smartpeme.

A Deputación lanza hoxe a través de Smartpeme un novo concurso en liña para o Desenvolvemento de Solucións Innovadoras a Retos, co obxectivo de “seguir a impulsar a innovación tecnolóxica e o talento da provincia”. Será unha acción tecnolóxica vinculada aos obxectivos de Sostibilidade, Igualdade e Emprendemento coa que se busca, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, a promoción de “propostas innovadoras que se poidan implementar en diferentes accións de proxectos empresariais e de emprendemento para facernos máis competitivas e competitivos”.

Será o terceiro reto tecnolóxico deste tipo que promove a Deputación, despois dos anteriores hackathon do sector turístico e das entidades sociais do Terceiro Sector, aínda que neste ano o formato será diferente e, en lugar das sesións grupais intensivas nunha fin de semana, promóvese unha convocatoria de ideas na que as persoas participantes terán máis tempo para “madurar e presentar as súas propostas”. “Isto redundará, dixo a presidenta, en que as ideas que se presenten sexan moito máis maduras e ambiciosas”. Así, neste concurso, aliñado tamén nos seus obxectivos coa Axenda 2030 e o Plan de Resiliencia do Goberno do Estado, as persoas participantes deberán idear solucións innovadoras a través dunha creación móbil, web ou outra plataforma tecnolóxica que dean resposta a algún dos seguintes retos: axudar na promoción da sostibilidade nas empresas; contribuír na mellora da igualdade nas empresas e axudar no impulso do emprendemento.

Será un evento online para garantir a seguridade e saúde dos e das participantes e poderán participar grupos multidisciplinares dun máximo 4 persoas. O concurso arranca hoxe, coa apertura das inscricións, que as persoas poderán facer ata o 9 de febreiro co formulario na web de Smartpeme, xunto ás bases do concurso. O certame está aberto a persoas de todo o Estado con preparación técnica suficiente para o desenvolvemento da idea proposta.

O proceso

A partir da súa inscrición, as persoas traballarán na súa proposta e contarán co apoio de personal técnico de Smartpeme para resolver dúbidas de corte tecnolóxico ou relacionadas co modelo de negocio exposto. Posteriormente, o día 10 de febreiro os equipos presentarán as súas propostas ante o xurado e os e as finalistas amosarán as súas solucións innovadoras no evento de clausura que terá lugar o día 15, tamén on line, no que se darán a coñecer ás e aos gañadores. O xurado valorará a validez do modelo de negocio, a viabilidade, a innovación e a diferenciación do proxecto na selección dos gañadores. Haberá tres premios que, como subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, buscan “non soamente premiar a innovación dando a oportunidade ás persoas gañadoras de ter un espazo para poder desenvolver proxectos, senón que promocionamos a nosa provincia, tanto en aloxamentos como en gastronomía e experiencias turísticas”. O primeiro consistirá no acceso prioritario ao programas de coworking que a Deputación desenvolverá este ano nos viveiros de empresas de Barro e Lalín  e unha estancia nun aloxamento na provincia para 4 persoas. O segundo premio será o acceso prioritario aos programas de coworking máis unha experiencia gastronómica na provincia para 4 persoas. E o terceiro, o acceso prioritario ao coworking máis unha experiencia de turismo activo na provincia para 4 persoas

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad