Sthela Táboas 20/01/2022

A primeira fase que transcorrerá pola parroquia de Mos acometerase dentro do Plan Concellos 2022 e para elo cóntase co convenio de financiación entre Deputación (70%) e Concello de Mos (30%)

O proxecto da segunda fase da humanización, que beneficiará ao tramo que transcorre pola parroquia de Dornelas, atópase en proceso de redacción e os vecinos fixeron xa as súas aportacións ao borrador nesta última xuntanza

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto ao tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto; o edil mosense de Urbanismo, José Areal; e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo, reuníronse esta semana con dúas das asociación veciñais das parroquias afectadas pola estrada provincial Puxeiros-Mos, concretamente coa Asociación de Veciños Santa Eulalia de Mos e Asociación de Veciños de Dornelas.

No caso da parroquia de Mos o obxecto da xuntanza foi o de informar á veciñanza de que xa se atopa rematado o proxecto da primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos, que beneficiará ao tramo que transcorre pola devandita parroquia desde o punto quilométrico 0+020 ata o 0+600. Así mesmo, atópase xa próximo o inicio da contratación da obra, pois incluirase no Plan Concellos 2022 e xa se atopa redactado o convenio de colaboración entre Concello e Deputación de Pontevedra, que establece unha financiación ao 30% municipal e 70% provincial, cuxa sinatura producirase en breve.

As accións que se levarán a cabo no vial son básicamente as seguintes: mellora da mobilidade peonil, mediante creación da senda; adaptación da drenaxe á nova aliñación proxectada; execución dos servizos urbanos necesarios: soterramento de iluminación, rede eléctrica e de telecomunicacións; execución do pavimento da nova ordeación utilizando xabre, formigón, lastra, baldosas e laxas de pedra; reforzo do firme da calzada no vial municipal, mediante fresado e reposición da capa de rodadura; reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito; e instalación de mobiliario urbano.

A obra requerirá de actuacións previas e movemento de terras. Comezaranse os traballos coa retirada dos elementos de superficie: sinais e postes, para poder continuar posteriormente coa demolición dos pavimentos existentes que corresponda. Unha vez realizada a demolición dos pavimentos referidos, previo corte lonxitudinal con disco, e xerado o sobre ancho necesario para a nova sección, procederase ao saneado do terreo mediante o caixeado necesario para poder executar posteriormente o novo paquete de firme deseñado.

En canto á drenaxe, debido á solución proxectada, será preciso adaptar a drenaxe superficial á nova aliñación do vial. A auga superficial será recollida polas reixas e sumidoiros contiguos ao viario, que conducirán a auga a través de tubaxes ata os puntos de vertedura. Renovarase por completo a iluminación do vial, mediante o soterrado da liña e a instalación de novos puntos de luz con lámpadas led, para mellorar a eficiencia enerxética da rede. A maiores, aprovéitase a actuación para executar a canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións.

O prazo de execución previsto para as obras é de seis meses.

Para a financiación desta primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos asinarase un convenio que establece as condicións da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos, para a execución do proxecto titulado “Mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP 2601 Mos- Puxeiros dende o PQ 0+020 ata o PQ 0+600”.

O importe o que se refire a presente actuación ascende a un orzamento total de 446.545,39 €. Os investimentos necesarios para a realización das mencionadas obras serán financiados pola Deputación de Pontevedra e Concello de Mos, mediante a achega da Administración provincial de 312.581,77 € (70%) e pola banda da Administración mosense 133.963,62 € (30%).

Pola súa banda, durante a reunión coa Asociación de Veciños de Dornelas, tratouse sobre o proxecto da segunda fase da humanización, que beneficiará ao tramo da estrada Puxeiros-Mos que transcorre por esta parroquia, e que se atopa en proceso de redacción por parte dos técnicos da Deputación. Desde o Concello de Mos xa se mantivera unha reunión previa para analizar o primeiro borrador do devandito proxecto e, nesta última xuntanza, os vecinos xa lle transmitiron ao Concello as súas aportacións ao documento para mellorar a seguridade; aportacións que desde a administración local mosense lle serán remitidas á Deputación para a súa inclusión no proxecto definitivo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad