Sthela Táboas 17/01/2022

O deputado Carlos Font lamenta que “daqueles polvos de plans indignos e irregulares cheguen agora estes lodos” e pide a José Piñeiro “que teña un pouco de vergoña cando aplaudía a rabiar o plan laboral de Louzán”

O goberno da Deputación de Pontevedra expresou hoxe o seu máximo respecto á sentencia do Tribunal Supremo, que ratificou a existencia dunha relación laboral entre a institución provincial e 38 persoas bolseiras que denunciaron o antigo Plan de Práctica Laboral, ideado, creado e posto en marcha polo Partido Popular en 2012, con Rafael Louzán na presidencia. “O Plan de Práctica Laboral creouno o goberno de Louzán, desenvolveuno o goberno de Louzán e foi o goberno de Louzán quen sacou peito con este plan de bolsas cuxas consecuencias son as que agora nos traen ata aquí”.

Así se pronunciou hoxe o deputado responsable de Persoal, Carlos Font, que ven de esixir ao PP que “alo menos pida desculpas públicas por un plan de bolsas que tivo que eliminar este goberno ante as numerosas irregularidades e problemas que causaba, e substituírllo en canto se poido por un programa de contratos en prácticas, con salarios e condicións laborais dignas, como é O Teu Primeiro Emprego”. “Nós fixemos un novo plan, en liña co Plan Director polo Emprego Digno, no que as persoas recentemente tituladas teñen un contrato de traballo en prácticas, que computa para todos os efectos como experiencia laboral, e perciben unha remuneración de carácter salarial do importe que marca a normativa, sempre garantindo que as persoas teñan un salario digno e que realicen funcións acorde á súa categoría”. “É curioso, engadiu, que o PP pasara anos criticando a este goberno por pechar o Plan de Bolsas de Louzán, que cualificaba de modélico, e resulta que agora renega da súa paternidade”

O deputado, que aludiu “á catarata de herdanzas envelenadas do anterior goberno”,  tamén expresou a súa “incredulidade pola sobreactuación do responsable sindical de CCOO na Deputación, José Piñeiro, que correu sen rubor a tentar adxudicar a este goberno a responsabilidade desta decisión xudicial, cando na etapa política anterior aplaudía a rabiar o Plan de Práctica Laboral de Louzán e nunca o denunciou. Hai que ter moi pouca vergoña e mala memoria” dixo Font “para esquecerse de como defendeu aquel plan a capa e espada, así como cada unha das decisións do goberno do PP de infausto recordo. Como sindicalista é tan responsable como o grupo popular”.

Carlos Font aclarou tamén que “resulta lamentable que Piñeiro se vanaglorie da súa suposta denuncia cando non deixa de ser unha “fantochada totalmente falsa porque o proceso comezou por unha inspección de oficio realizada pola Inspección de Trabajo, ao igual que inspeccionou a outras entidades públicas y privadas”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad