O Goberno municipal inicia o primeiro encontro dos que ten previsto para coñecer as necesidades veciñais e preparar un Plan de Actuacións Especiais
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro responsable de Parroquias, Bienvenido Estévez, reuníronse con integrantes da nova “Asociación de Veciñ@s das parroquias e polígonos de Torneiros” para coñecer de primeira man as demandas máis urxentes da veciñanza.
Este encontro é o primeiro dunha ronda de visitas e reunións coas diferentes asociacións de vecinos, de todas as parroquias do Concello, que vai manter o goberno municipal nos vindeiros días.
Trátase de “coñecer de xeito directo a través de todas asasociacións veciñais ás demandas e necesidades de cada parroquia. Teñen que ser escoitadas e atendidas. É unha das miñas prioridades absolutas e por iso nos volcaremos en cada unha delas facendo un plan especial de actuacións de mellora”, explicou o alcalde porriñés.
No que atinxe ás demandas plantexadas polos representantes da nova AAVV de Torneiros, solicitaron “a recuperación do Centro Cultural Alba e a rehabilitación de diversas infraestruturas da parroquia como parques, xardíns, rúas e beirarrúas e unha mellora do alumeado público”.
Tamén demandaron “maior limpeza e mantemento da rede de pluviais e dos contedores de lixo”. En materia de seguridade cidadá piden “presenza policial as 24 h do día pola elevada poboación da parroquia”.
En cuestión de tráfico demandan “mellorar a sinalización” citando os casos da pista do parque Alba e a posibilidade de “converter en zona amárela para aparcamento de autobuses escolares, a marxe dereita da estrada PO-2401, dende as instalacións de Aimen ata o IES Ribeira do Louro”.