Sthela Táboas 04/01/2022

Un total de 14.567 peregrinos e 33.010 turistas achegáronse ata este punto de información

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu ao longo do pasado ano 2021, a un total de 47.575 visitantes que se achegaron ata a cidade de Tui, e que neste punto solicitaron información para a súa visita e estadía na nosa cidade.

Do desglose deste datos comprobamos como os turistas foron un total de 33.010 persoas: 30.579 de procedencia española e 2.431 de orixe internacional. Entre as procedencias dos turistas internacional destaca Portugal con 954 (39,2% dos turistas estranxeiros), México con 868 (35.7%), Francia con 131 (5,3%) ou Alemaña con 62 turistas /2,5%). Os turistas de procedencia española tiñan estas orixes: Madrid (6.606), Barcelona (1.869), Pontevedra (1.806), A Coruña (1.657), Valencia (1.194), Sevilla (1.045) ou Alacante (628) por citar os máis numerosos.

Pola súa banda os peregrinos acadaron a cifra de 14.567 consultas atendidas na Oficina de Turismo, 7.654 de procedencia española e 6.611 de orixe internacional, destacando 3.673 peregrinos de Portugal (25,2% do total de peregrinos), 719 de Alemaña (4,9%), 347 de Italia (2,3%), 257 de EEUU (1,8%) ou 183 da República Checa (1,2%) aos que seguen Francia (142 peregrinos), Polonia (140), Reino Unido (131) ou os Países Baixos (112).

A procedencia dos peregrinos de España é a seguinte: Madrid (1.465),  Sevilla (825), Pontevedra (661), Valencia (501), Barcelona (441), Cádiz (432) ou Málaga (387)

Cabe sinalar, no que atinxe aos peregrinos, que en xaneiro e febreiro non houbo ningún, en marzo comezou a presenza de peregrinos españois e foi en abril, cando houbo as primeiras sete consultas de peregrinos internacionais. Os meses de maior afluencia de peregrinos internacionais foron setembro (con 1.718) e outubro (con 1.465), namentres que os peregrinos españois se concentraron en agosto (2.484) e setembro (1.845).

A comparación con anos anteriores e tendo en conta as circunstancia deste 2021, con peche de fronteiras nos primeiros meses e as medidas restritivas derivadas da pandemia da Covid, estes datos resultan certamente moi satisfactorios porque se acadan niveis como os do ano 2018 e no se está moi lonxe dos datos do ano 2019.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os resultados son altamente positivos pois evidencian a crecente importancia da actividade turística no noso municipio e como Tui é un lugar de referencia para peregrinos e turistas. Mostra tamén o rexedor tudense a súa satisfacción por estes datos pois significan un impulso ao sector turístico, un dos máis afectados pola crise derivada da pandemia. Ao tempo, estas cifras son un acicate para continuar traballando a promoción da oferta turística tudense, tanto no que atinxe ao Concello como ao propio sector para continuar avanzando na mellora da nosa oferta e produtos turísticos e nunha maior profesionalización e calidade nos servizos que se lle ofrecen aos visitantes a Tui.

Enrique Cabaleiro subliña que neste ano 2022 o Concello seguirá traballando para mellorar a oferta turística tudense. A inmediata apertura da nova Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira ou a presenza de Tui na vindeira celebración de Fitur, o programa de visitas en barco polo río Miño, e a execución do proxecto “Cárcere Vella, centro de acollida de visitantes e peregrinos” son elementos que contribuirán a elevar a calidade e proxección da oferta turística de Tui. O Concello como responsable destes proxectos tratará de implicar ao sector turístico para que no ámbito das súas competencias e capacidades continúe traballando a prol da mellora da oferta turística tudense. “É un traballo colectivo”, remarca o alcalde de Tui, “no que se precisa a implicación de todos”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad