Está convocado un concurso fotográfico a través das redes sociais.
A fachada norte da Catedral de Tui permanece ao longo destas festas de Nadal, ata este xoves 6 de xaneiro, iluminada co logotipo da celebración do Xacobeo 2021-2022, nunha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia de iluminación dos lugares máis emblemáticos dos Camiños de Santiago en Galicia.
Co gallo do comezo do segundo Ano Santo e recollendo o éxito da iniciativa Acende o Xacobeo coa que a Xunta dáballe a benvida á celebración deste Xacobeo excepcional desenvólvese unha nova edición desta proposta, que permitirá iluminar medio cento de edificios significativos de toda Galicia distribuídos polos dez itinerarios xacobeos.
A iluminación na comunidade galega está a ter lugar durante as fins de semana entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, tempo durante o que se iluminarán coa frecha amarela e o logo do Xacobeo 21-22 un total de 52 edificios das catro provincias, para lembrar que o Xacobeo continua no vindeiro ano 2022.
O ano pasado a iniciativa permitiu iluminar máis dun cento de puntos por todo o mundo para darlle a benvida á celebración do Xacobeo, iluminándose emprazamentos en cidades como Londres, Dublín ou Torn, en Polonia.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece esta iniciativa que pon en valor á cidade de Tui e o seu monumento máis emblemático, a Catedral de Santa María, como lugar referencial ao ser a porta de entrada dos camiños xacobeos portugueses en Galicia e a única catedral existente no Camiño Portugués, ata a súa chegada á meta en Santiago de Compostela.
Concurso fotográfico
Do mesmo xeito en que se fixo o ano pasado, a segunda edición do Acende o Xacobeo tamén ten o seu concurso fotográfico. Está aberto nas redes sociais un concurso fotográfico para animar ao público xeral a compartir esta iniciativa.
Os participantes só teñen que publicar unha fotografía na que se vexa persoas xunto a un dos monumentos iluminados baixo os hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeElXacobeo e etiquetando as redes sociais do Camiño de Santiago. As fotografías poderán publicarse nas redes sociais de Facebook, Twitter ou Instagram do Camiño de Santiago (@camino_xacobeo).
O concurso está aberto ata o remate da iluminación e as tres mellores fotografías recibirán un premio consistente nunha estadía para dúas persoas nun fin de semana nun hotel-balneario de Galicia en réxime de pensión completa.