Así o acordou por unanimidade a corporación en pleno en novembro de 2020.
O CRA Mestra Clara de Torres de Tui recibiu este mediodía a medalla de ouro do Concello de Tui en recoñecemento ao seu importante labor educativo ao longo das dúas últimas décadas. O salón de sesións acolleu o acto de entrega presidido polo alcalde, Enrique Cabaleiro, contando coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do xefe territorial de Educación da Xunta, César Pérez Ares, do bispo da diocese Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza, e do presidente da Cámara de Valença, Jose Carpinteira xunto aos membros da corporación, a comunidade educativa e outras autoridades convidadas.
“Hoxe transmitimos os nosos parabéns a todas aquelas persoas que dedicaron e dedican a súa vida a cambiar as persoas que van cambiar o mundo”, con esta frase remataba o alcalde, Enrique Cabaleiro, a súa intervención na que se referiu ao acordou unánime da corporación municipal, de novembro de 2020, para outorgar ao CRA Mestra Clara Torres á maior distinción a nivel municipal. O rexedor tudense deu conta do “papel fundamental” que o ensino rural desempeñou no noso país. Sinalou Enrique Cabaleiro que “o CRA Mestra Clara Torres hoxe constitúe un motivo de orgullo por ser un proxecto da comunidade educativa dende hai moitos anos, que non é froito dun día nin dunha tempada, senón dun traballo colectivo sementado e coidado con habelencia ao longo de moitos anos, e que recoñece que dende a Galicia profunda tamén se traballa con criterios pedagóxicos modernos, que poñen en valor o talento e innovación”. Engadiu que “o rural a través do traballo do CRA Mestra Clara Torres se reivindica coma un espazo de progreso, modernización, e de calidade educativa onde prima a atención personalizada a cada un dos alumnos e alumnas e se procura a implicación das familias e da sociedade”. Destacou amais o legado dos e das docentes que contribuíron a que este centro sexa un “referente pedagóxico” destacando o labor de Clara Torres que “adiantada ao seu tempo, concibía o seu coma unha labor social permanente apostando por unha escola aberta ao entorno e ás familias”. Tamén lembrou a Rita Sánchez, Pilar Sanz e Teresa Domínguez, indicando desta última que foi “a persoa que inspirou e liderou unha nova forma que entender o papel integrador e transformador da escola rural na sociedade actual”.
Abriu o acto a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, dando lectura ao acordo plenario coa concesión da medalla de ouro. Desexou “que este agasallo o levedes, non só nun presente coma é esta medalla de ouro, senón tamén nos corazóns, e que saibades que para nós o CRA non so é unha institución, forma parte da historia de Tui, forma parte da nosa formación”. Ao tempo de que recordaba a todas as mestras deste centro educativo.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, afirmou que “a educación é ese instrumento que nos permite que vivamos onde vivamos teñamos os mesmos dereitos”. Indicaba a presidenta provincial que “nos sentimos orgullosas do legado de Clara Torres” dicía que “apostou pola educación no rural”, o seu nome “vai quedar para sempre escrito en letras de ouro”. Tamén se referiu á exdirectora do CRA, Teresa Domínguez “unha pedagoga que cree que a educación é un ascensor social que permite que a sociedade sexa mellor”. Afirmou Carmela Silva que “o CRA Mestra Clara Torres é un modelo a seguir”, un centro no que sinalou “en cada recuncho se respira a educación comprometida, avanzada, innovadora, a educación que cre que os nenos e nenas deben ser o centro de todo o que se fai cando se educa”.
O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, salientou na súa intervención que premios coma este demostran que “a calidade do ensino en Galicia é boa, moi boa”. Destacou “o traballo feito por un CRA que ao longo dos últimos anos viu demostrando a implicación e dedicación ao alumnado”. Amosou a súa “satisfacción plena” por ter esta visión de premiar a un centro educativo” polo que amosou o seu agradecemento á corporación municipal.
Tras recibir a medalla de ouro de mans do alcalde tomaba a palabra a directora do centro durante 20 anos até a súa xubilación, Teresa Domínguez, quen tiña palabras de agradecemento por este recoñecemento indicando que “non podiamos imaxinar que a travesía educativa que se iniciou na aula de Ponte Internacional fose tan marabillosa, creativa e innovadora” nin dicía que “Clara Torres, a miña nai pedagóxica, nunca puido imaxinar o legado que nos deixaba”. Explicou que “sempre quixemos ser un centro que cobrase vida no rural, que dese resposta as necesidades das familias” e reclamaba a axuda das institucións para seguir dando resposta as novas necesidades froito da nova realidade social coma unha aula madruga ou mediodía, que son os novos retos que o centro ten por diante.
A actual directora Marta González agradecía tamén este recoñecemento e explicaba que o CRA Mestra Clara Torres é coma un neno con necesidades especiais que precisa axuda, da corporación municipal, da Deputación, da Consellería, para poder contar con servizos doutros centros e cunha ANPA forte para poder contar cunha aula matinal “todos xuntos seguro que podemos”.
O acto contou coa actuación de membros da Banda de Música Popular de Tui.