A pasada semana entregáronse os premios aos hostaleiros gañadores das mellores tapas votadas polos consumidores, así como dos vales sorteados entre os participantes
O Concello de Salceda de Caselas entregou os premios do 1º Concurso “ConsalcedaPinchos e Tapas”, tras o éxito obtido nesta primeira edición celebrada entre o 19 e o 28 de novembro. Os establecementos gañadores recibiron os galardóns de mans da alcaldesa Verónica Tourón, e da presidenta de ACISA, Elisa Rodríguez Vaqueiro, nun acto celebrado na Casa da Cultura de Salceda.
Nesta primeira edición, os establecementos premiados tras a votación popular realizada ao longo do concurso foron na categoría de tapa, o 1º premio para La Marujita, coa tapa ‘Arepa Galega’; e o 2º premio para O Recuncho, coa tapa ‘Recuntaquiños’. E na categoría de pincho, o 1º premio foi para a Cafetería Altamira, co pincho ‘Terra e Mar’, e o 2º A Tabertenda, co pincho ‘Ecomexillón’.
No mesmo acto realizouse o sorteo de tres vales entre as persoas que degustaron as tapas e os pinchos, consistentes nun vale de 100 €, aportado polos locais participantes para consumo nos seus establecementos; un vale de 300 €, aportado polo Concello de Salceda para o consumo en todo o comercio local; e un vale de 500 € aportado por ACISA -Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda- para consumir nos establecementos asociados. Tamén se fixo entrega de agasallos directos ás persoas que completaron a ruta, selando en todos os establecementos participantes.
Con esta iniciativa a alcaldesa e concelleira de Comercio, Verónica Tourón, quixo poñer de relevo a marca #ConSalceda, coa finalidade de convertela “nunha referencia e seguir dinamizando e dando visibilidade ao comercio e a hostalería local, axudando así a un dos sectores máis afectados pola pandemia, e que sufriu restricións que non lles permitiron desenvolver a súa actividade de xeito normal, con limitacións en horarios e aforos, ademais de peches”. Tamén destacou “a colaboración e aportación da asociación de comerciantes e dos establecementos que participaron”. Verónica Tourón remata puntualizando “continuaremos a por en marcha iniciativas que activen e dinamicen a economía de Salceda. Investir no noso comercio e hostalería é investir en toda a veciñanza”.