Sthela Táboas 16/12/2021

Nos vindeiros orzamentos do 2022 contémplase unha partida de 10.000 € de apoio á hostalería que para o PSdeG PSOE mosense resulta insuficiente, esquecendo “aos pequenos establecementos cos que conta o municipio e que, a maioría, son propiedade de veciñ@s”

No derradeiro Pleno celebrado polo concello de Mos incluíuse o debate dos orzamentos, no que os socialistas votaron en contra por consideralo “un orzamento pouco acaído e no que non se incluíron ningunha das propostas que propuxemos no Pleno anterior, a través dunha moción e de cara as comisións nas que se ía tratar o documento de forma previa á sesión plenaria”.

Tras estudiar os orzamentos de cara o vindeiro ano 2022, e comprobar a existencia dunha partida de 10.000 € de apoio á hostalería, dende a bancada socialista de Mos plantexaron unha serie de medidas nas que se incluía que esta partida fose máis ambiciosa. Os socialistas solicitaron incrementar esta cantidade para “ademais de apoiar á hostalería, tamén apoiar ao pequeno comercio. Argumentaban os socialistas que “esta podía ser unha medida de apoio aos locais en funcionamento, pero tamén un incentivo para a apertura de novos establecementos, articulando desta maneira unha campaña de aposta polo pequeno comercio de Mos”.

Dita proposta “foi rexeitada polo PP de Mos baixo o argumento, e así o trasladou no Pleno o seu voceiro, de que en Mos non hai comercio local e xustificando que tan só contamos con tendas de alimentación, unha librería e unha tenda de deportes. Esqueceuse desta maneira de pequenos establecementos cos que conta o municipio e que, a maioría, son propiedade de veciñ@s”. Ademais, cunha actitude que os socialistas califican de “infantil”, repróchanlle ao PSOE de Mos que “aposten por centros comerciais, cando a bancada socialista se posicionou sempre en contra dos mesmos”. Feito que para os socialistas “ven a demostrar a inquina persoal que teñen os populares ao ver que o alcalde de Vigo acaba de inaugurar un centro comercial na súa cidade”.

A voceira socialista, Victoria Alonso, quere recordarlle ao PP de Mos que “deberían estar máis pendentes das necesidades da veciñanza, e non tanto de ver o que fai o alcalde de Vigo”. Engade que “a cidade deportiva co seu centro comercial foi unha aposta do PP que cada día vese máis lonxe. Que se centren en propiciar e apoiar o pequeno comercio e de proximidade co que xa conta Mos, pois ademais de ser unha aposta pola dinamización económica local, é unha forma de colaborar e apoiar a veciñanza”.

Alonso remata dicindo que “non perde a esperanza de que o PP de Mos se centre en xestionar o concello, en vez de estar pendente do que fai Abel Caballero para confrontar con Vigo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad