Presentación deste documento sonoro -no Centro Cultural Municipal ás 19:00 h– que recolle testemuñas de primeira man dos acontecementos que sucederon no Porriño tras o golpe de Estado e posterior ditadura de Franco
Dende a Concellería de Cultura do Concello do Porriño, continuando co compromiso, da súa concelleira Cami Moreira, de impulsar actividades que contribúan á recuperación da memoria histórica, iniciada en abril do 2021 co recoñecemento público d@s nos@s veciñ@s da súa afouteza na defensa dos valores democráticos, agora imos presentar “A memoria recuperada”, unha recollida sonora da nosa memoria histórica onde poderemos escoitar a testemuñas de primeira man como Ramona Asunción Teijeira Rodríguez, Antonio Pereiro Pérez, Florentina Casales Estévez, Juana Josefa Fernández Giráldez e Raúl Francés Valverde.
A tod@s eles temos que agradecer a súa xenerosa e importante aportación, co relato dos acontecementos que sucederon no noso Concello e contorna durante o golpe de estado e posterior ditadura de Franco.
Nos dous episodios -‘A Guerra’ e ‘A Fame’- que forman parte deste documento sonoro coñeceremos as vivencias non só destas persoas e das súas familias, senón tamén do medo, da tristeza, do horror, do silencio, da carraxe, do compañeirismo, da solidariedade… que puxeron a proba á humanidade como colectivo.
Hoxe terá lugar a presentación deste documento sonoro en formato de podcast no Centro Cultural Municipal, ás 19:00 h, onde contaremos coa presencia de Moncha, Raúl, Antonio, Juana e Florentina. E a continuación poderemos asistir á proposta teatral da compañía Os Quinquilláns ‘A señora de Forcadela’, unha historia baseada na biografía de Josefa García Segret e doutras mulleres represaliadas na Galiza, a partir de xullo do 36.