Sthela Táboas 25/11/2021

O Ximnasio Jhoven Sport será onde se imparta este curso dirixido ás mulleres, os sábados impares durante un ano

Dende a Concellería de Seguridade Cidadá do Porriño, lembran que o vindeiro sábado 27 de novembro retomarase o curso de Defensa Persoal Feminina, organizado polo Concello -Policía Local do Porriño- coa colaboración do Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

As clases de autodefensa para as mulleres que anteriormente á pandemia se levaron a cabo no Polideportivo Municipal, terán lugar agora nas instalacións do Ximnasio Jovhen Sport (avenida Buenos Aires, 18).

Dende o Concello convidan a todas as mulleres interesadas, sen límite de idade, que queiran recibir esta formación (totalmente gratuíta) para a que non se precisa rexistro previo “só deberán acudir o sábado, ás 10.00 h, con roupa de deporte e gañas de aprender. Non se precisan condicións físicas especiais, eu mesma acudirei e podo dicir abertamente que non estou en forma ” declarou a concelleira Lourdes Moure .

Esta actividade que conta cunha partida municipal de algo máis de 7.000 €, contará entre o seu profesorado con persoal da Policía Local do Porriño e monitores especializados en defensa persoal, que ensinarán técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais contra as mulleres. Á diferenza da convocatoria de 2019, nesta ocasión, o curso de defensa persoal feminina está aberto tamén a mulleres dos concellos veciños, xa que “cando falamos de protección e formación das mulleres nesta materia, non pode haber ningún tipo de barreira; as administracións públicas deben favorecer este tipo de iniciativas” concluíu Moure.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad