Mónica Romero 24/11/2021

A Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) continúa coas actividades programadas co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Organiza unha plantación de árbores este sábado en Cerdedo-Cotobade e unha andaina contra a violencia de xénero o domingo en Tui

Tras percorrer os concellos de Redondela, O Porriño, Oia e Gondomar coa campaña informativa ‘Femupo Preto de Ti’ para dar a coñecer os recursos existentes na loita contra a violencia de xénero e participar estes días nas diversas accións promovidas polas propias asociacións federadas ou outras organizacións en Bueu, Cerdedo-Cotobade, Vigo, A Cañiza ou Carballo, Femupo celebrará dous grandes actos, os derradeiros, esta fin de semana.

O sábado, 27 de novembro, o Lugar de Borela en Cerdedo-Cotobade acollerá o acto ‘Na lembranza, da raíz á copa’, que consistirá na plantación de trinta e sete árbores, unha por cada muller asasinada pola súa parella ou exparella en España no que vai de ano. O punto de encontro será na Praza de Borela ás 11:30 horas.

Unha acción que non só “é para lembrar ás vítimas”, explica a presidenta de Femupo, Raquel Touriño, “senón tamén para recordarnos que debemos seguir traballando por todas as mulleres e menores que ven as súas vidas ameazadas”. A través deste acto, Femupo “quere facer partícipes ás administracións, asociacións, empresas e cidadanía en xeral da importancia da loita contra a violencia de xénero”.

‘Na lembranza, da raíz á copa’ é un acto aberto a toda a sociedade, no que poderán tomar a palabra os asistentes, poñendo de relevo que unha comunidade unida e concienciada é capaz de romper o círculo do machismo. A acción é posible grazas ao traballo conxunto de Femupo, a asociación federada de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas en colaboración con CO2 Revolution, Forestalis, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Centro de EVD Mos.

Para rematar, o domingo, 28 de novembro, Femupo organiza en colaboración coa asociación federada Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui unha andaina contra a violencia de xénero que percorrerá oito quilómetros do Camiño Portugués, desde a Ponte Internacional de Tui ata finalizar no Centro Cultural de Ribadelouro.

A saída está prevista para ás 10:00 horas e para participar é preciso inscribirse no seguinte formulario ou enviando un correo electrónico cos datos persoais e de contacto a proxectosfemupo@gmail.com.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad