Mónica Romero 22/11/2021

O departamento de Lingua dirixido por María Ortega decidiu facer un esforzo económico este exercicio e aceptar todas as solicitudes presentadas, duplicando o número de actuacións de 2020

A Deputación de Pontevedra vai levar este ano o Apalpador, a tradicional figura propia do Nadal galego, a todos os concellos da provincia que o solicitaron, un total de 45. Así o decidiu a deputada responsable de Lingua, María Ortega, ante o grande interese amosado polos gobernos locais unha vez pechado o pasado sábado o prazo de solicitude.

A nacionalista explica que inicialmente estaba previsto conceder 30 actuacións, sen embargo esa cifra cubriuse de maneira case inminente coa apertura do prazo, polo que se tomou a decisión de facer un esforzo económico e chegar a todas as vilas interesadas. O cambio fai que este ano se dupliquen as actuacións realizadas en 2020, cando houbera que limitar as visitas por motivo das restricións da COVID-19 e se cambiara o formato dunha posta en escena estática en lugares concretos a desfiles para non fomentar aglomeracións de persoas.

Segundo apunta Ortega, este ano manteranse de maneira estrita todas as medidas de prevención ante a pandemia, pero intentarase que a actividade ao abeiro do programa ‘Nadal en galego’ do departamento de Lingua se multiplique para levar a ledicia ás nenas e nenos da provincia logo dun tempo de moita contención festiva.

O persoal técnico da Deputación está agora cadrando as visitas para que o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, poida achegarse a varios concellos próximos xeograficamente na mesma xornada. A previsión é que se celebren dúas actuacións en horario de mañá e dúas en horario de tarde cada día entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro. As datas de cada localidade comunicaranse en breve.

Como cada ano, e por sétima vez consecutiva, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que se fomentarán coas actuacións, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas.

O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o bandullo das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de ledicia e comida.

Están concedidas as actuacións a: Marín, Bueu, Cangas e Moaña no Morrazo; O Grove, Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, e Sanxenxo no Salnés; Pontecesures, Portas, Cuntis, Catoira, e Valga na comarca de Caldas; Dozón, Agolada, A Estrada, Forcarei, Silleda e Vila de Cruces no Deza-Tabeirós; Salceda de Caselas, O Porriño, Pazos de Borbén, e Fornelos de Montes na área de Vigo; Poio, Barro, A Lama, Campolameiro, Cerdedo-Cotobade na comarca de Pontevedra; Oia, Gondomar, Nigrán e Baiona no Val Miñor; A Cañiza, Covelo, Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Mondariz , Mondariz- Balneario no Condado-Paradanta; e A Guarda, Tomiño, e Tui no Baixo Miño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad