Os CPR Quiñones de León e o IES Álvaro Cunqueiro de Vigo acadaron o 2º e 3º posto entre os 42 centros presentados
A II Edición do Certame Provincial de Regueifa ten xa os seus gañadores: o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o CPR Quiñones de León e o IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Todos eles, a través da súa cativada, amosaron grande imaxinación, gracia, e un amplo dominio da lingua galega na improvisación das súas coplas, segundo destacaron o presidente do ORAL Galicia, Carlos Alonso, e a responsable de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, impulsores da iniciativa.
A final do Certame tivo lugar onte no CVC de Valadares en Vigo, e para chegar a ela desenvolvéronse varias cribas ata chegar as e os gañadores: unha primeira fase por grupos na que quedaron 20 mozas e mozos seleccionados, e outra na que dos 20 restantes escolléronse as e os catro regueifeiros gañadores a nivel individual (ex aequo): Brais Soliño Lorenzo (do IES Pedra da Auga de Ponteareas), Alba Pérez Vila, do IES Alexandre Bóveda de Vigo; Rosalía Agra Otero, do IES Pintor Colmeiro de Silleda; e Julia Vidal Abuín, do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Os centros de ensino gañadores foron os que máis alumnado foron quen de clasificar para a final, sendo o IES de Silleda, con cinco rapaces e rapazas, o mellor posicionado.
O presidente do colectivo ORAL Galicia, Carlos Alonso, subliñou o grande nivel amosado por todas as persoas participantes, con coplas que cualificou como “espectaculares”. Explicou que entre as probas que houbo que superar estiveron a creación de versos de presentación e arranque, coplas con pés forzados ou estrofas nas que as e os participantes se vían obrigados a meter palabras marcadas pola organización.
Ademais de amosar estilos moi propios, imaxinación, linguaxe con gracia e unha grande capacidade de organización, a rapazada fixo gala de escoller temas moi relacionados coa actualidade, como puideron ser o uso da lingua, a ecoloxía ou o feminismo.
A deputada de Lingua, María Ortega, agradeceu a participación á rapazada e aos centros de ensino (42 de toda a provincia) e salientou a grande calidade dos retos dialécticos que se puideron escoitar na exhibición final, cargados de ironía, sentido do humor. Subliñou que actividades coma este Certame son necesarios para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición.
Por comarcas, participaron na edición de 2021 do Certame Provincial de Regueifas 14 centros da comarca de Vigo: IES A Guía, CPR Quiñones de León, Colexio Monterrey, Colexio Andersen-Augalonga, IES Rosais 2, IES Do Castro, IES de Teis, IES Carlos Casares, IES Coruxo, IES Álvaro Cunqueiro, IES Santa Irene, IES Castelao, IES Ricardo Mella, e IES Alexandre Bóveda.
Na comarca do Morrazo oito centros: IES Plurilingüe A Paraleia e IES As Barxas de Moaña; IES Monte Carrasco, CPR Sagrada Familia, Colexio Eduardo Pondal, IES de Rodeira e Colexio Plurilingüe Compañía de María en Cangas; e IES Illa de Ons en Bueu.
Da comarca do Salnés o IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa, o IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, o IES As Bizocas de O Grove e o IES Vilalonga de Sanxenxo. Do Val Miñor concorreron o IES Escolas Proval e IES Val Miñor de Nigrán, o CPI de Cova Terreña de Baiona, e o IES Auga da Laxe de Gondomar.
Do Condado-Paradanta tomaron parte no Certame tres centros (o IES do Barral o CIFP A Granxa e o IES Pedra da Auga de Ponteareas) e do Baixo Miño foron dous (IES Antón Alonso Ríos e IES Indalecio Pérez Tizón de Tui). A comarca de Pontevedra estivo representada polo IES Ponte Caldelas do concello homónimo e o IES de Poio, da mesma localidade, mentres que do Deza Tabeirós o IES Pintor Colmeiro de Silleda e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, e de Caldas o IES Aquis Celenis. Finalmente do Louriña participou o IES Ribeira do Louro, e da área metropolitana de Vigo o IES Soutomaior, de Soutomaior.