Tui celebra unha actividade do Plan de Compostaxe Municipal dirixida ao alumnado dos centros educativos. Súmase con esta iniciativa á XIII Semana Europea da Redución de Residuos
O próximo xoves, 25 de novembro, de 10 a 14 h terá lugar unha actividade do Plan de Compostaxe Municipal. Celebrarase no novo Centro de Compostaxe Comunitaria, ao carón do Mercado Municipal de Abastos. O alumnado dos centros educativos da contorna visitarán os Centro de Compostaxe Comunitario para coñecer a súa utilización e resolver as dúbidas que poidan ter sobre a compostaxe.
No mesmo horario, de 10 a 14 h, haberá un posto informativo de compostaxe no que a cidadanía poderá recibir información sobre o Plan de Compostaxe Municipal, e serán obsequiados con mostras de compost e algún agasallos.
Estas actividades encádranse na XIII Semana Europea da Redución de Residuos que se celebra do 20 ao 28 de novembro. Ao abeiro desta iniciativa, ao longo dunha semana, realízanse accións de sensibilización sobre a xeración, xestión e consumo sostible de recursos a nivel europeo.
O Concello de Tui súmase a esta Semana Europea con esta actividade, que terá lugar o próximo xoves, dirixida ao alumnado como vector de cambio para unha sociedade máis comprometida co medio ambiente.