O proxecto “Oficinas Efímeras” de Jorge Enríquez executado no edificio Francisco Sánchez galardoado cun dos premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2021
O Concello de Tui amosa a súa satisfacción polo galardón recibido polo proxecto “Oficinas Efímeras” encargado polo Concello ao arquitecto Jorge Enríquez Méndez, que é un dos trece galardoados cos premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2021.
Dende o Concello saliéntase amais o feito de que sexan dous os arquitectos tudenses que recibirán no mes de decembro este premio, xa que Rubén Rodríguez Iglesias tamén está entre os galardoados polo proxecto “Un estuche en una caja. Apartamento no centro de Vigo”.
“Oficinas Efímeras” executouse no edificio Francisco Sánchez, Área Panorámica, para habilitar espazos provisionais para albergar a distintas asociacións do municipio. Con caixas de cartóns de 20x40x70 apiladas e organizadas en diagonal executouse unha arquitectura efémera e pouco invasiva, que ao tempo controla a gran reverberación da sala.
Dende o Concello de Tui transmítese a felicitación tanto a Jorge Enríquez coma a Rubén Iglesias por estes premios que poñen tamén a Tui no mapa no mundo da arquitectura.