Sthela Táboas 17/11/2021

Increméntase a partida en 2 millóns de euros en comparación ao deste ano

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentoulles onte ao mediodía aos grupos da oposición o orzamento municipal para 2022 que ascende a 13 millóns de euros.

Dende o Concello de Mos afirman que este novo orzamento  caracterízase por “ser o máis ambicioso da historia do municipio, unha vez máis aprobado en tempo e forma antes do remate do exercizo en vigor, realista (ingresos axustados ao Padrón), o primeiro de Arévalo que inclúe un plan de inversións, o máis alto da historia en gasto social e cunha suba xeral en tódalas partidas”.

Ata o de agora non era viable dada a necesidade da amortización de débeda de entre un millón e un millón e medio de euros ao ano, pero agora, coa baixada da débeda municipal, é posible poñer en marcha un plan de inversións.

Dotado de máis de 2 millóns de euros en 2022 para, entre outras, inversións coma a potenciación da zona da Pesqueira no Paseo do Louro (con preto de 500.000 €), instalación de alumeado e ampliación da senda do Paseo do Louro (proxecto bianual), adquisición de terreos no Parque da Pesqueira para seguir ampliándoo e colocación dunhapista de Skate no mesmo; saneamentos varios; novas dotacións nos parques infantís; construcción de cunetas; nova entrada para o Pazo de Mos; asfaltados (proxecto bianual); partida para expropiacións para poder poñer en marcha outros proxectos na estrada Pereiras-Tameiga, Segundo Pampillón,  obra de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria no Camiño de San Cosme e senda de Dornelas; obras de ampliación da calzada no Camiño da Laxe e no Camiño de Gándara (proxecto bianual), senda de Dornelas (proxecto bianual),  recuperación de fontes e lavadoiros,  adquisición de terreos do Castro de Torroso, e sinalización de patrimonio cultural; mellora de instalacións deportivas (cofinanciada coa Xunta de Galicia) cambio de tapete de céspede no Campo de Fútbol das Baloutas, renovación de cuberta do Pavillón de Sanguiñeda, remate da mellora do Pavillón Óscar Pereiro pendente, mellora da pista deportiva de San Eleuterio, etc.

O de 2022 é orzamento máis elevado da historia de Mos en gasto social, superando os 2 millóns de euros (1,6 millóns de euros en 2021) investindo en dependencia do Servizo de Axuda no Fogar 1,4 millóns de euros (300.000 € máis que este ano) sendo pioneiro en Pontevedra ao non existir outro con 15.000 habitantes que teña lista de espera cero no SAF, de Dependencia en grao 2 e grao 3; para o Servizo de Atención Temperá  95.000 €; triplícase a cantidade investida en axudas na escola (comedor, material e actividades con escolares); nova subvención para a Asociación de Mulleres Rurais; actividades con maiores, etc.

A novidade máis chamativa é a creación dun novo epígrafe de apoio á hostalería, dotado dunha cantidade fixa anual de 10.000 €.

A pesar de non ser competencia do concello, 80.000 € para Emerxencias, para a base municipal con persoal e vehículos activa todos os días do ano as 24 h.

Renovación do parque móbil municipal, cun leasing dun camión para vías e obras e un renting dun novo coche híbrido para a Policía Local.

A cantidade en limpeza triplícase.

Preto de 250.000 € en políticas de Formación e Emprego, a pesar de non ser competencia municipal. Créase a Aula Mentor na Axencia De Colocación (50.000 € de inversión).

A partida de Cultura increméntase en 100.000 € respecto do ano pasado coa volta xa a unha relativa normalidade tras superar a fase aguda da pandemia da Covid-19.

Sube tamén a partida destinada ao Conservatorio de Música en Torroso. Créase un convenio co Pazo de Mos dotado de 10.000 € anuais para mantemento de instalacións.

Respecto aos ingresos das arcas municipais, baixan todos ou mantéñense axustándose ao Padrón (tendo en conta que taxas e impostos municipais non suben desde o ano 2012) polo que as subidas corresponden á revisión de IBI urbana que fixo Catastro, na participación de Tributos do Estado que así anunciou o Goberno central e no Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.

Os demais axústanse á previsión exacta do que se reflicte no Padrón do exercizo anterior.

No tocante ás bonificacións municipais son do 75% no imposto de rodaxe dos vehículos eléctricos; e do 95% do imposto de construcións a favor das instalacións ou obras, nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e renovables para autoconsumo en vivendas unifamiliares.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad