Os dous sub23 que a pasada fin de semana debutaron coa selección española de ciclocrós no Campionato de Europa, triunfaron nas carreiras raíñas do Trofeo Montes de Eiras
A porriñesa Chus Barros, do Club Ciclista Spol, mantén a camisola de líder élite tras quedar cuarta clasificada na proba
A Copa Galicia de Ciclocrós alcanzou o seu ecuador este sábado nunha das clásicas do calendario autonómico. O Trofeo Montes de Eiras celebrou a súa 23ª edición e tivo como grandes triunfadores a dous ciclistas sub23 que a pasada fin de semana debutaron coa selección española no Campionato de Europa. A viguesa Carla Fernández (Team Farto-BTC) e o ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) impuxéronse nas carreiras raíñas da cita organizada polo Club Ciclista O Rosal.
No espazo cedido pola Comunidade de Montes das Eiras estreouse circuíto. Un trazado moi duro, deseñado nun piñeiral, onde resultaba complicado que avanzara a bicicleta pola composición do terreo. A esixencia aínda tería sido maior se estivese enlamado, pero o tempo anticiclónico aliouse cos participantes e concedeulles unha xornada soleada.
A dificultade do percorrido aproveitouna Miguel Rodríguez para marcar diferenzas dende a primeira volta na competición elite-sub23. Despois de que Samuel González (Máis Que Bicis) saíra a por todas, o líder sub23 da Copa marchouse en solitario antes de realizar o primeiro paso pola meta. A fin de semana seguinte de terse estreado na provincia neerlandesa de Drenthe coa selección española, o corredor do Supermercados Froiz asinou o seu sexto triunfo absoluto no certame galego cun tempo de 54 minutos e 41 segundos.
A 1:20 do ponteareán cruzou a liña de meta Saúl López (Academia Postal-Abanca), primeiro clasificado elite. O monfortino do Maceda superou por 35” a Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), que protagonizou durante boa parte da carreira un pulso co líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal). O top-5 pechouno Samuel González.
Nesta sétima xornada da Copa chegou a primeira vitoria absoluta da temporada para Carla Fernández. A líder sub23, tras a súa experiencia nos Países Baixos co combinado estatal, venceu no Rosal cun rexistro de 39:57, batendo por 41” á actual campioa galega elite Irene Trabazo (XSM). A terceira praza na carreira elite-sub23 e júnior feminina correspondeu á xuvenil Uxía Soto (Supermercados Froiz). Cuarta rematou María Jesús Barros, por diante de Isabel Castro (Condado Bike), e a ciclista do Spol mantén a camisola de líder elite.
No resto de categorías destacou o triunfo de Martín Díaz (Caimanes Betanzos), o primeiro que logra na Copa, nunha carreira na que o líder Tomás Pombo (Cambre Caeiro) sufriu unha picada. O palmarés deste evento completárono María Filgueiras (Río Miera) nas cadetes; Ricardo Buba (Coruxo) nos juniors; Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) e Alejandro Mesías (Ciclos Quintena) en máster-30; Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-40; Sonia Costoya (Corbelo) e Óscar González (Máis Que Bicis) en máster-50; e Antonio González (Salvaterra) nos máster-60.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, participou na entrega de premios xunto ao presidente do Club Ciclista O Rosal, Gerardo Fernández; o presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG), Juan Carlos Muñiz; e Óscar Sánchez, directivo da FCG. A Copa Galicia non se move da comarca do Baixo Miño e este domingo, dende as 09:30, dispútouse o I Ciclocrós Concello da Guarda.