Sthela Táboas 08/11/2021

O percorrido ten 5 km con saída ás 10.30 h dende o Pazo de Mos e ao remate haberá actuación musical de Meigas Fóra e degustación de empanadas

Eu Rural súmase á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro. Farao cunha andaina para todos os públicos o vindeiro 13 de novembro, cun percorrido de 5 km de dificultade baixa con saída ás 10.30 h dende o Pazo de Mos. A ruta rematará no mesmo pazo coa actuación musical de Meigas Fóra, da Asociación cultural Tangaraño, e con degustación de empanadas.

Eu Rural conta para esta actividade cun deseño propio do territorio cunha imaxe fortemente vinculada a todos os municipios que o integran. Dende Eu Rural quérese agradecer o traballo e a implicación ao Concello de Mos e ao Pazo de Mos, sempre dispostos a colaborar co grupo de desenvolvemento.

AGADER encargarase de coordinar aos 24 grupos de desenvolvemento rural que participan nesta campaña, que conta coa colaboración da Consellería do Medio Rural, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

O acto central da campaña será unha andaina popular que implicará a miles de persoas do rural para que o mesmo día á mesma hora camiñen dende 24 puntos distintos do territorio para reclamar o fin a violencia machista e defender a igualdade. Ademais, a través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta de Galicia tamén quere poñer en valor as diferentes rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, con motivo do Xacobeo 21-22.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad