Mónica Romero 04/11/2021

O proxecto, cuxo orzamento ascende a máis de 37.000 euros, fará posible a sinalización de 68 puntos dos Camiños Portugués, Portugués da Costa, de Inverno e da Vía da Prata

Os Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia lucirán moi pronto máis seguros grazas á mellora da sinalización vertical das súas interseccións coas estradas provinciais ao abeiro do apoio da Deputación de Pontevedra. A institución provincial vén de aprobar o proxecto que fará posible sinalizar un total de 68 puntos pertencentes ao Camiño Portugués, Camiño Portugués da Costa, Camiño de Inverno e á Vía da Prata, cuxo orzamento ascende a 37.248 euros. A actuación supón un paso adiante cara á seguridade peonil en tramos que abranguen un importante fluxo de tránsito de peregrinos/as, ao tempo que fai patente o máximo respecto do ente provincial co territorio e patrimonio e o seu compromiso co Camiño de Santiago.

As obras, que contan cun prazo de execución de tres meses, consistirán no subministro e colocación de 68 sinais dobres, que contarán cun sinal de perigo triangular por presenza de peóns e cun sinal de aviso de intersección co Camiño de Santiago rectangular. Situaranse a 100 metros da intersección en ambos sentidos e, no caso de que o Camiño discorra paralelo á estrada provincial, 100 metros antes do comezo da superposición dos percorridos en ambos sentidos. O proxecto inclúe a demolición de beirarrúa ou firme necesario para a correcta instalación dos sinais, así como a escavación, recheo e reposición de pavimento coas mesmas características que o existente cando sexa preciso.

Máis polo miúdo, actuarase na EP-8501, EP-8004, EP-8005, EP-9407, EP-0506, EP-0508, EP-0509, EP-0002, EP-0006, EP-0105, EP-0001 e EP-2901, pertencentes aos Camiños Portugués e Portugués pola Costa; na EP-2906, EP-2602, EP-2502 e EP-3001, do Camiño Portugués; na EP-2003, EP-2101, EP-2106, EP-3102, EP-2204, EP-2201, EP-2203 e EP-3201 do Camiño Portugués pola Costa; na EP-7017, EP-6513, EP-6511, EP-6509, EP-7201 e EP-6004 ao seu paso polo Camiño de Inverno e a Vía da Prata; na EP-6009, EP-6203 e EP-6201 do Camiño de Inverno e na EP-6001, EP-6103, EP-6108, EP-6104 e EP-6102 da Vía da Prata.

Esta actuación está integrada no Decálogo de Criterios para as novas actuacións nas vías provinciais, unha rede provincial de estradas que na actualidade conta cunha lonxitude total de 1.700 quilómetros que a o sitúan como un dos eixos principais das da Deputación de Pontevedra en materia de infraestruturas e mobilidade. Co resaltado dos tramos, a institución facilita que condutores/as maximicen a precaución, mellorando a seguridade viaria e a dos peregrinos/as.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad