Sthela Táboas 26/10/2021

As derradeiras obras realizadas na parroquia salcedense de Santa María contaron cun orzamento de 45.112,43 €

O Concello de Salceda de Caselas ven de rematar as obras de mellora da estrada que une os barrios de Barreiro e Pomar de Suso, na parroquia de Santa María, coordinadas pola Concellaría de Vías e Obras que dirixe a tenente de alcaldesa, Loli Castiñeira.

O proxecto conta cun orzamento de 45.112,43 €, dos cales 37.283 € son financiados polo Agader a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais, e o resto con fondos propios do Concello.

Entre as actuacións levadas adiante, procedeuse ao asfaltado dos dous tramos da estrada que se atopaban en peores condicións e aproveitouse tamén para acondicionar a entrada ao Centro Cultural de Castro Barreiro, así como o acceso ao barrio da Retorta. Tamén durante as obras se solucionaron problemas de deterioro das tubaxes de regadío, e a traída de augas veciñal aproveitou para cambiar un treito da súa rede, aforrando deste xeito o custo que lles suporía a apertura e peche da estrada.

Este tipo de obras resultan fundamentais para o mantemento e mellora da rede de viais municipais, con especial atención ás estradas do rural, indispensables para seguir a mellorar a calidade da vida das parroquias. Neste caso trátase dunha estrada moi empregada pola veciñanza dos barrios Barreiro e Feira, polo que o equipo de goberno considerou esta como unha boa proposta para incluír na subvención deste ano.

A concelleira de Vías e Obras, Loli Castiñeira, explicou “defendemos o noso rural e centramos os nosos esforzos en ofrecerlles unhas insfraestruturas e uns servizos completos, que impulsen o asentamento de poboación nas nosas parroquias. Por sorte en Salceda é moita a poboación moza que escolle o rural como lugar de residencia, e dende o Concello seguiremos a realizar os esforzos precisos para seguir con esta tendencia”.

A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, indicou que “coa ampliación, acondicionamento e conservación da rede de camiños municipais, o goberno pretende seguir mellorando servizos fundamentais para a veciñanza do noso rural”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad