Os traballos saíron a licitación por un orzamento de 114.462 euros e incluirán entre outras actuacións a execución de dous pasos sobreelevados e a habilitación de sendas en ambas marxes da estrada provincial
A Deputación de Pontevedra axiliza as obras de mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil na EP3001 en Rebordáns, no Concello de Tui, e vén de licitar estes traballos por un orzamento de 114.462€ (sen IVE). En concreto, estas obras, destinadas a dotar á estrada dunha zona de tránsito seguro e coa visibilidade adecuada, seguindo o modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, desenvolveranse nun treito de 155 metros da estrada e financiaranse ao través do convenio entre a institución provincial e o Concello, no que a primeira aportará un 80% do orzamento e a administración local o 20% restante.
No tramo obxecto de actuación na EP-3001 en Rebordáns executaranse dous pasos sobreelevados, limitarase a velocidade e aumentarase o radio da curva para executar unha senda pola marxe dereita e construirase outra na esquerda.
Tamén se pavimentará o treito con novo firme, realizarase pintado das marcas lonxitudinais e superficiais, instalaranse novas sinais verticais e melloraranse servizos como a rede de pluviais, de alumeado e telecomunicacións. As empresas teñen de prazo ata o 3 de novembro para presentar a súas ofertas para realizar esta obra.