Mónica Romero 19/10/2021

Suporá un investimento de 230 mil euros dos que 160 mil serán aportados pola Confederación Hidrográfica, e 70 mil euros polo concello de Tui

No salón de sesións da casa do concello de Tui tivo lugar este mediodía a sinatura dun convenio entre o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, CHMS, José Antonio Quiroga, para a execución, entrega, mantemento e conservación das obras do proxecto de construción dunha pasarela peonil na desembocadura do río Louro.

Esta actuación suporá un investimento de 230 mil euros dos que 160 mil serán aportados pola Confederación Hidrográfica, e 70 mil euros polo concello de Tui. Tras a sinatura do convenio, realizada esta mañá, a obra sairá agora a licitación e os traballos poderían comezar ao final do primeiro semestre de 2022.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu a estreita colaboración tanto neste coma noutros proxectos por parte da Confederación Hidrográfica. Subliño coma a pasarela que permitirá construír este convenio “é un vello anhelo” e lembro coma xa en 2015 se tiña redactado o proxecto para a execución da Senda do Miño que percorrería as beiras do Miño até os termos municipais de Tomiño e Salvaterra, do que esta pasarela dicía “era o primeiro paso”. Tivo palabras de agradecemento o rexedor para corporación que permitiu habilitar o crédito preciso para facer fronte á aportación municipal para a execución do proxecto, tamén para os traballadores municipais e para Rosario Andrade de Kiwi España polas facilidades dadas para chegar a cesión dos terreos precisos para executar a obra.

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, indicou que co convenio asinado este mediodía “desbloquéase a pasarela do Louro”. Unha obra que sinalou é “benquerida e desexada” e o seu desbloqueo dicía “da satisfacción a ese desexo de anos” neste senso. Enngadiu que este é o “inicio da colaboración co Concello de Tui” avanzando que nos próximos meses asinarán novos convenios.

Enrique Cabaleiro afirmou que o “goberno municipal vai seguir traballando en proxectos que poñan en valor os espazos naturais”. Así indicou que por unha parte está a execución da senda do río Caselas na desembocadura deste río até o límite con Salceda de Caselas, o que permitirá dicía Enrique Cabaleiro “unir dous territorios e dúas comarcas coma as da Paradanta e o Baixo Miño”. Amais o Concello de Tui está a realizar a modificación do proxecto inicial da senda do río Tripes que “comunicará dous espazos naturais coma son o río Miño e o Parque Natural do Monte Aloia”. Esta ruta irá dende a desembocadura do río Tripes no Miño, pola senda dos muíños até enlazar no Parque Natural do Monte Aloia.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, avanzou esta mañá que nos próximos días comezarán so traballos de limpeza e posterior estaquillado do trazado da senda á beira do Miño cara Tomiño, para unha vez marcado o tramo afectado iniciar as negociacións cos propietarios dos terreos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad